Navia de Suarna estreará este vindeiro sábado 9 de novembro un novo mural que dará a benvida a todas aquelas persoas que entren no pobo a través da ponte. A inauguración levarase a cabo ás 17.30 horas e a obra correu a cargo da artista arxentina Ana Inés Flores. Esta iniciativa foi promovida pola asociación Xuventude do Navia e está encadrada dentro do programa Aldeas Vivas, que pretende a transformación das aldeas en espazos para a vida, o emprego e a autonomía, e que se engloba dentro do proxecto ‘Montes e Vales Orientais Territorio Intelixente’, que promoven o Grupo de Desenvolvemento Rural Montes e Vales Orientais e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp).
O mural sitúase na entrada principal a Navia de Suarna e a idea de pintalo naceu na asociación Xuventude do Navia, un colectivo cuxa directiva integran sete mozos e mozas deste municipio dos Ancares e que se formou a comezos deste ano logo do bo sabor de boca que lles deixaron unhas xornadas de divulgación sobre patrimonio natural e cultural dos Ancares realizadas en outubro do 2023. “Trouxemos a Navia dous días a varios expertos historiadores, biólogos e zoólogos para dar unhas conferencias e logo fixemos unha ruta por Piornedo para coñecer un pouco a etnografía da zona. Como todo saíu tan ben e quedamos encantados, tanto a xente que veu de fóra como a do concello que foi ás conferencias, pensamos en crear unha asociación porque así sería máis fácil organizarmonos e facer máis actividades”, explica Julia Gegunde, integrante de Xuventude do Navia.
Unha vez creada a asociación, unha das súas primeiras decisións foi o pintado deste mural, que substitúe a un antigo xa moi desgastado. “Está ao entrar no pobo e é o primeiro que se atopa a xente que entra a Navia pola ponte. Era un mural que pintaran os nenos do colexio hai xa case 30 anos e a verdade é que xa estaba nun estado bastante lamentable, así que pensamos que ía ter bastante impacto, ao ser o primeiro que se ve ao chegar a Navia, e decidimos facelo”, sinala Gegunde.
A pintura ten case 30 metros de longo por 1’5 de alto e á hora de decidir quen podería ser a persoa encargada de pintalo, déronse unha serie de coincidencias. “Ana [Inés Flores] vive en Valencia e eu tamén. Somos amigas e un día falando do proxecto resultou que ela quería dar un pequeno cambio á súa vida e dedicarse máis á súa paixón, as artes plásticas. Para iso tiña un proxecto de coller a súa furgoneta e ir pintando por toda España, así que todo cadrou porque ela quería saír de Valencia para pintar e nós tiñamos intención de facer este mural, así que a súa primeira parada foi en Galicia, e máis concretamente en Navia”, rememora a directiva de Xuventude do Navia.
Deste xeito, Ana tiña pensado empezar co pintado no mes de agosto, pero finalmente tivo que retrasar a súa chegada e non puido dar as primeiras pinceladas ata finais do mes de setembro. E en pouco máis de mes e medio rematou o fermoso mural que xa dá a benvida a todos os que entran en Navia: “Foi un traballo un pouco intermitente pola chuvia”. O proceso de realización non incluíu só o puramente artístico, senón que a pintora natural de Arxentina tamén se entrevistou con moitos veciños e veciñas para desenvolver a obra final. “Ana falou cun montón de xente para inspirarse e plasmar todo moi ben. E a maiores tamén lle mandamos fotos antigas dos instrumento que había antes para, por exemplo, fiar a la”, apunta.
Temática
Julia explica que, “seguindo un pouco o que fixemos nas xornadas, no mural quixemos plasmar o que son Os Ancares en xeral. Desde a súa flora, xa que aparece unha xanzá, que é unha planta moi característica da zona, ata a súa fauna, porque hai un urogallo e un oso pardo cantábrico, pasando por cuestión etnográficas propias. Deste xeito aparece un hórreo, xente facendo a mallega ou unha muller fiando la. E logo Ana aportou detalles moi chulos como unha horta con verzas e tamén pintou un par de nenos, co que quixo recordar a historia de Navia e simbolizar que aquí aínda hai nenos, futuro, e por iso forma parte do proxecto Aldeas Vivas”, indica Julia Gegunde.
Desde a asociación cren que o mural está tendo unha grande acollida. “A xente está encantada co mural e tamén con Ana, porque está moi ben que veña unha persoa nova ao pobo que se involucre tanto e que arranxe unha zona que estaba moi deteriorada. A xente acolleu moi ben a Ana e ela adaptouse tamén moi ben a Navia e aos seus veciños”, valora unha Julia que está convencida de que “a boa acollida da xente vainos impulsar a desenvolver máis proxectos para o noso pobo”, conclúe.