Mel Casa da Torre, recoñecido como o mellor mel no terceiro concurso de cata de meles realizado no transcurso da sétima edición da Feira do Mel da Montaña Luguesa celebrada en Baleira

O mel de flores de alta montaña que producen en Casa da Torre fíxose co primeiro premio do terceiro concurso de cata de mel celebrado no transcurso da sétima edición da Feira do Mel da Montaña Luguesa, que se levou a cabo en Baleira baixo a organización do Grupo de Desenvolvemento Rural Montes e Vales Orientais, en colaboración co Concello de Baleira, a Deputación de Lugo e a Xunta de Galicia, entre outros colaboradores.

Casa da Torre foi o mellor mel dunha edición espectacular, xa que se bateron marcas en canto a participación, con 17 aspirantes que producen o seu mel en distintos concellos do territorio. Ademais, a calidade dos mesmos foi excepcional, un extremo que confirmaron as probas de análise nun laboratorio ás que foron sometidas os finalistas. A decisión do xurado foi moi complicada, dado que confirmaron que a elección fora moi axustada debido ao fantástico nivel dos participantes desta edición. En segunda posición rematou o mel de Estornín, que produce Pedro Núñez en Baleira, e o premio ao mellor stand levouno Pico do Mel, de Navia de Suarna, galardón que recolleu Generoso Álvarez en representación do seu fillo Álvaro.

Os produtores vencedores son unha familia de apicultores orixinaria de Dumia, no concello de Cervantes, e contan con máis de 300 colmeas espalladas por distintos puntos deste municipio situado en plenos Ancares. Os irmáns Cedrón, xunto a súa nai, Mari Carmen Gómez, son os encargados de continuar, de xeito semiprofesional, cunha tradición familiar que vén de varias xeracións atrás. Logo de que os seus antepasados recollesen o mel para autoconsumo, eles decidiron dar un paso máis hai uns anos e profesionalizaron o seu traballo aumentando o número de colmeas para así producir excedente e dedicalo á venda, pero sempre mantendo o mesmo mimo e esmero de antano.

O seu mel caracterízase pola súa produción caseira, crúa, 100% pura e natural, sen ningún tipo de engadido ou procesamento e cunha extracción de xeito artesanal e envasada manualmente bote a bote. As especiais condicións nas que traballan as abellas, nun privilexiado entorno de alta montaña, alonxadas de calquera tipo de contaminación e nun espazo declarado Reserva da Biosfera pola Unesco, fai que o seu sabor e calidade sexa excepcional.

As colmeas están situadas en lugares libres de pesticidas, herbicidas, fertilizantes ou calquera tipo de contaminación, as abellas viven entre breixos, castiñeiros, carballos e aproveitan o seu néctar para conseguir un mel denso e concentrado que se recolle entre os meses de abril e setembro de cada ano.

Tan lonxe están as colmeas da contaminación e das vivendas, que en ocasións reciben a visita do oso, atraído seguramente polo cheiro inconfundible do Mel Casa da Torre. Nalgunha ocasión mesmo chegaron a gravalo, unha visita que se fixo moi viral nas redes e que podedes desfrutar neste vídeo.

Recommended Posts