O EVENTO
Un roteiro etnográfico polo Piornedo co que consolidar a rede de mulleres e continuar co traballo feito na xornada ‘Mulleres do Territorio. Elaborando a estratexia Leader’.
INFORMACIÓN CLAVE
- Punto de encontro: escola de Piornedo.
- Data: domingo 4 de xuño de 2023.
- Horario: de 10 a 16:30 horas, aproximadamente.
- Prezo de inscrición: Totalmente gratuíta con prazas limitadas. Apúntate aquí.
- Dirixida a mulleres de calquera idade dos concellos do GDR Montes e Vales Orientais.
- Recoméndase levar pantalón longo, calzado axeitado para camiñar e auga.
TECENDO A REDE DE MULLERES DO TERRITORIO
O GDR Montes e Vales Orientais, xunto con Piornedo Anda, prepara para o día 4 de xuño unha ruta etnográfica guiada en Piornedo (Cervantes) co obxectivo de darlle continuidade ás conexións e á rede de mulleres da xornada ‘Mulleres do Territorio en Rede. Elaborando a estratexia Leader’, que se celebrou o pasado 25 de marzo en Pol.
A ruta arrincará ás 10 horas desde a escola de Piornedo e rematará no mesmo punto ao redor das 16.30 horas. A inscrición, que se pode facer a través deste formulario, é totalmente gratuíta e conta con prazas limitadas. Antes de comezar o percorrido e ao final da andaina haberá café para todas e durante o percorrido faremos un descanso para comer todas xuntas ao aire libre. O bocadillo, unha froita e unha botella de auga serán facilitadas pola organización. Recoméndase levar pantalón longo e calzado axeitado para camiñar.
PIORNEDO ANDA
Piornedo Anda é un colectivo que ten como finalidade principal poñer en valor o lugar de Piornedo e a súa grande riqueza en canto a fauna, flora, etnografía e cultura. Para conseguilo, as súas impulsoras, Lola e Isolina, preparan e organizan ao longo do ano distintas andainas cunha esixencia adaptada á maioría dos públicos e nas que combinan paisaxe con lendas, mitoloxía e a apaixonante historia da zona.
Deste xeito, moitos domingos poñen en marcha roteiros guiados por sendeiros e camiños antigos dos montes da zona. A maioría das veces son circulares e contan cuns percorridos que van dos 7 aos 12 quilómetros de distancia, polo que teñen unha duración aproximado de entre 3 e 5 horas. Durante os mesmos, as guías ofrecen distintas explicacións sobre usos e costumes tradicionais do monte e da vida destes lugares de alta montaña.
Ademais, tamén organizan actividades de encontro na montaña dirixidos a colexios, asociacións de todo tipo e grupos adaptados ás demandas e características que teña cada un deles, tales como rutas etnográficas con ou sen xantar, recreacións lúdicas dos traballos de antes ou xogos tradicionais.
ÚNETE Á REDE DE MULLERES DO TERRITORIO
Anímate a compartir unha mañá de convivencia e descubrir da man de dúas veciñas do lugar un lugar único como Piornedo.Inscríbete no seguinte formulario: https://forms.gle/NChVdB6dAUz277KQ7