A primeira Ruta dos Fornos de Pol saldouse cun auténtico éxito de participación, xa que reuniu o pasado domingo 3 de marzo a 120 sendeiristas chegados de toda a provincia de Lugo que desfrutaron dun agradable paseo, recibiron unhas nocións básicas sobre o funcionamento dos fornos e como se fan o pan e as empanadas neles e ademais puideron degustar uns petiscos e gozar de música en cada parada. Organizada pola Asociación de Mulleres Rurais Olvido e Roteiros de Pol, contou coa colaboración do Grupo de Desenvolvemento Rural Montes e Vales Orientais, a Deputación de Lugo e o Concello de Pol. “Foi un éxito total porque tíñamos pensado contar con 80 persoas e ao final foron 120. Tivemos que facer máis tazas das que prevéramos e tamén máis folletos explicativos sobre os lugares que atravesamos”, salienta Lourdes Abuín, directiva do colectivo organizador e xerente da Casa Chaín de Pol.
Esta primeira ruta contou cunha distancia de 10 quilómetros e fixo parada en seis fornos. Arrincou ás dez da maña da Capela das Neves, que fixo honra ao seu nome “porque atopamos a capela nevada e alí foi onde tomamos un café e almorzamos para quentar un pouco o corpo”, rememora Abuín. O percorrido era dunha intensidade media-baixa polo que estaba dirixida a todos os públicos. De feito, destacou a participación de dúas nenas de cinco e sete anos de idade.
A pesar das inclemencias meteorolóxicas, a xente respondeu: “Tíñamos medo a que, como estaba chovendo e mesmo nevando, non viñeran, pero a xente veu con calzado e roupa axeitada, paraugas e outros complementos. Ademais contábamos cun par de coches de apoio”. Logo do almorzo dirixíronse ao forno de Bernabel, que era a primeira parada. Posteriormente visitaron os de Labrada, Pásaro, Neira, Mirón e o da Casa Chaín, onde remataba a ruta. “En cada sitio había xa preparado un petisco salvo nun onde había liscos, que se teñen que facer e comer no momento. No último tomamos o postre, que era un doce de biscoito de noces e brownie, cun café, fixemos unha foto de familia e demos por rematada esta primeira ruta dos fornos”, explica. Tamén degustaron empanada, bolas de queixo, chourizo e carne ao forno. Foron en total unhas 6 horas de andaina, aprendizaxe e comida que tamén estiveron acompañadas de música. “Estivo con nós o grupo Axeixo e en cada forno tocaba unhas pezas”.
Participantes de todas as idades
Os participantes eran veciños dos arredores. “Veu un bus cheo de Lugo e logo tivemos xente que veu pola súa conta da Pontenova, Meira, Pol,… Había persoas de todas as idades, desde esas dúas nenas pequenas a xente maior, duns 70 anos e sobre todo xente de mediana idade e moitas parellas de entre 40 e 50 anos”, lembra Lourdes Abuín. En canto ao que máis lles chamou a atención aos participantes, a xerente e propietaria de Casa Chain destaca que “pareceulles moi interesante a idea de facer unha ruta de sendeirismo polo monte e acabar nun forno comendo chourizo ou outras cousas e logo volver a botar a andar. E tamén preguntaban moito polo funcionamento dos fornos, a colocación das chemineas e os diferentes fornos tradicionais que hai. Creo que lles gustou e que valoraran o ben organizado que estaba todo”, salienta.
Obxectivo tamén turístico
Esta ruta e as que pensan facer no futuro teñen un dobre obxectivo. “Por un lado queremos resaltar os fornos e animar á xente a que os conserve e se volvan utilizar, porque sabemos que nas aldeas aínda quedan moitos en desuso e cada vez queda menos xente que coza neles. O obxectivo é poñer en valor esas construcións e que non se perdan, pero tamén entregamos uns folletos explicativos da etnografía dos lugares polos que pasamos, xa que tamén queremos que teña un fin turístico e que se vexa a riqueza dos pobos nos que están os fornos”, destaca.
A Asociación de Mulleres Rurais Olvido e Roteiros de Pol xa traballa en novas rutas. “Queremos que isto teña continuidade e visitar máis fornos. Nesta ocasión tocamos tres parroquias, pero xa estamos falando con persoas doutras que teñen forno e cocen. Seguramente en poucas semanas levaremos a cabo a segunda ruta”, avanza. Coa primeira andaina colaboraron a Área de Cultura da Vicepresidencia da Deputación, “que nos axudou coa música”, o Concello de Pol, “que se encargou das tazas que entregamos a cada participante para beber nos fornos”, e desde o GDR Montes e Vales Orientais, a través do proxecto ‘Cociña de Ancares Terras de Burón’ démoslle visibilidade á iniciativa e encargámonos da impresión dos folletos explicativos sobre a ruta que se repartiron.
Cursos para aprender a facer pan
A aposta de Lourdes Abuín pola recuperación dos fornos tradicionais é total, xa que no seu propio establecemento turístico organiza desde hai uns meses cursos de amasado e de facer pan. “Temos cursos unha ou dúas veces ao mes e están tendo moi boa acollida. Empezamos o ano pasado e xa imos polo quinto. Facemos un curso que engloba todo o proceso, empezando ás dez da mañá co amasado e logo acabando aló polas cinco da tarde cando sae listo do forno. Polo medio, unha vez que está todo o pan metido no forno e mentres esperamos, sentámonos e facemos un pouco de grupo degustando algún produto tradicional que se comía antigamente nas aldeas como os faragullos ou o caldo de restrido, unhas comidas que tamén me gustaría que se recuperasen. A iso das cinco da tarde quitamos as cousas do forno e a empanada probámola e comémola tamén alí entre todos, mentres que o pan repartímolo para levar”, sinala. A maiores, está preparando uns cursos máis orientados aos nenos e nenas.
Para levar a cabo estes cursos, Lourdes rehabilitou por completo o forno da súa casa. “Quero realmente que se volva facer pan como antes e animo a todo o mundo a apuntarse porque pasámolo realmente ben. Dáme unha alegría enorme que a xente veña, queira recuperar o modo tradicional de recuperar o pan e logo se faga unha festa. A verdade é que sempre o pasamos moi ben”, conclúe.