O Concello de Baleira acollerá entre o venres 25 e o domingo 27 de outubro a sétima edición da Feira do Mel da Montaña Lucense, que este ano vén cun programa cargado de múltiples e variadas actividades e que unha vez máis organiza o Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) Montes e Vales Orientais, en colaboración co Concello de Baleira e outros organismos e firmas privadas. Entre as actividades a desenvolver nesta fin de semana destaca o terceiro Concurso Comarcal de Meles da Montaña Lucense, que se celebra ao abeiro da feira, e onde se escollerán cales son os dous mellores meles do territorio neste ano 2024 entre todas as propostas que presentaron os produtores que decidiron participar no certame e cuxas colmeas teñen que estar radicadas nalgún dos 14 municipios que compoñen o ámbito de actuación do GDR Montes e Vales Orientais.
Esta celebración busca exaltar a calidade excepcional do mel que se produce nos espazos naturais protexidos deste territorio.
Programación
A sétima Feira do Mel de Montaña terá a súa primeira parada o venres 25 de outubro no CEIP Concepción López Rey de O Cádavo, en Baleira, onde o alumnado poderá participar ás 11.00 horas nun obradoiro de utilidades con mel.
O groso do programa desenvolverase entre o sábado e o domingo. O día 26 haberá un obradoiro de xabóns artesáns e ungüentos con cera e mel ás 15.30 horas no Centro Sociocultural de Baleira. Posteriormente, ás 18 horas dará comezo un taller de calidade e cata de meles comentada, que dará paso, desde ás 19 horas, a unha representación teatral para público infantil a cargo de Bátega co espectáculo ‘O Mundo de Martiña’. Para os obradoiros é preciso inscribirse no formulario que aparece na web do GDR www.montesevalesorientais.gal.
As actividades do sábado 26 de outubro rematarán ás 20.30 horas na praza municipal baleirense cun magosto organizado polo Concello no que haberá, loxicamente, castañas e outras larpeiradas, así como música e baile.
O programa do domingo 27 desenvolverase integramente pola mañá. Ás 10 horas abrirase a feira ao público no recinto que se habilitará na praza municipal e medio hora máis tarde dará comezo un obradoiro de hidromel con cata incluída. Ás 11.30 horas procederase á apertura do panel de cata dos meles presentados a concurso.
A xornada continuará ás 12.30 horas cunha degustación de feixós e chulas con mel e maridaxe de cervexa de castaña. Ás 13 horas será o momento para a visita das autoridades e esta sétima edición da Feira do Mel de Montaña pecharase ás dúas da tarde coa entrega de premios e diplomas acreditativos aos dous mellores meles do concurso e o sorteo do Pasaporte Gastronómico.
As persoas que queiran participar nas distintas actividades que se van celebrar durante os dous días principais da feira poden facelo aínda nos números de teléfono 982.355.20 e 659.275.743, ou enviando un correo electrónico á dirección montes.vales.orientais@gmail.com. Mentres tanto, o prazo para presentar os meles ao concurso pechouse xa o pasado 10 de outubro.
Concurso Pintameles
Ao igual que en edicións pasadas, os máis pequenos foron os encargados de ilustrar o cartel desta sétima edición do certame de Baleira. Os deseños gañadores, escollidos entre unha gran cantidade de propostas, xa que o Concurso Pintameles volveu ser un gran éxito de participación, foi pintado por Antía Pena Vázquez, alumna de 6º de Primaria do CEIP Concepción López Rey de O Cádavo. O segundo premio desta Categoría A foi compartido por Alejandro Rancaño Gayoso, do Colexio Santa María da Fonsagrada, e Nerea Santín Fernández, do CEIP Plurilingüe San Xoán de Becerreá. Así mesmo, na Categoría B, o deseño premiado foi o de Raúl Delpueblo López, do CPI Plurilingüe Navia de Suarna.
Coma cada ano, os debuxos de todo o alumnado que participou no concurso expoñeranse nas carpas da Feira.