Navia de Suarna inaugura este sábado un fermoso mural que dará a benvida ao pobo

Novo mural á entrada de Navia Suarna pintado pola artista arxentina Ana Inés Flores e impulsado pola asociación Xuventude do Navia. Esta iniciativa está integrada en Aldeas Vivas, que forma parte do proxecto Montes e Vales Orientais Territorio Intelixente

Navia de Suarna estreará este vindeiro sábado 9 de novembro un novo mural que dará a benvida a todas aquelas persoas que entren no pobo a través da ponte. A inauguración levarase a cabo ás 17.30 horas e a obra correu a cargo da artista arxentina Ana Inés Flores. Esta iniciativa foi promovida pola asociación Xuventude do Navia e está encadrada dentro do programa Aldeas Vivas, que pretende a transformación das aldeas en espazos para a vida, o emprego e a autonomía, e que se engloba dentro do proxecto ‘Montes e Vales Orientais Territorio Intelixente’, que promoven o Grupo de Desenvolvemento Rural Montes e Vales Orientais e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp).

O mural sitúase na entrada principal a Navia de Suarna e a idea de pintalo naceu na asociación Xuventude do Navia, un colectivo cuxa directiva integran sete mozos e mozas deste municipio dos Ancares e que se formou a comezos deste ano logo do bo sabor de boca que lles deixaron unhas xornadas de divulgación sobre patrimonio natural e cultural dos Ancares realizadas en outubro do 2023. “Trouxemos a Navia dous días a varios expertos historiadores, biólogos e zoólogos para dar unhas conferencias e logo fixemos unha ruta por Piornedo para coñecer un pouco a etnografía da zona. Como todo saíu tan ben e quedamos encantados, tanto a xente que veu de fóra como a do concello que foi ás conferencias, pensamos en crear unha asociación porque así sería máis fácil organizarmonos e facer máis actividades”, explica Julia Gegunde, integrante de Xuventude do Navia.

Unha vez creada a asociación, unha das súas primeiras decisións foi o pintado deste mural, que substitúe a un antigo xa moi desgastado. “Está ao entrar no pobo e é o primeiro que se atopa a xente que entra a Navia pola ponte. Era un mural que pintaran os nenos do colexio hai xa case 30 anos e a verdade é que xa estaba nun estado bastante lamentable, así que pensamos que ía ter bastante impacto, ao ser o primeiro que se ve ao chegar a Navia, e decidimos facelo”, sinala Gegunde.

A pintura ten case 30 metros de longo por 1’5 de alto e á hora de decidir quen podería ser a persoa encargada de pintalo, déronse unha serie de coincidencias. “Ana [Inés Flores] vive en Valencia e eu tamén. Somos amigas e un día falando do proxecto resultou que ela quería dar un pequeno cambio á súa vida e dedicarse máis á súa paixón, as artes plásticas. Para iso tiña un proxecto de coller a súa furgoneta e ir pintando por toda España, así que todo cadrou porque ela quería saír de Valencia para pintar e nós tiñamos intención de facer este mural, así que a súa primeira parada foi en Galicia, e máis concretamente en Navia”, rememora a directiva de Xuventude do Navia.

Deste xeito, Ana tiña pensado empezar co pintado no mes de agosto, pero finalmente tivo que retrasar a súa chegada e non puido dar as primeiras pinceladas ata finais do mes de setembro. E en pouco máis de mes e medio rematou o fermoso mural que xa dá a benvida a todos os que entran en Navia: “Foi un traballo un pouco intermitente pola chuvia”. O proceso de realización non incluíu só o puramente artístico, senón que a pintora natural de Arxentina tamén se entrevistou con moitos veciños e veciñas para desenvolver a obra final. “Ana falou cun montón de xente para inspirarse e plasmar todo moi ben. E a maiores tamén lle mandamos fotos antigas dos instrumento que había antes para, por exemplo, fiar a la”, apunta.

Temática

Julia explica que, “seguindo un pouco o que fixemos nas xornadas, no mural quixemos plasmar o que son Os Ancares en xeral. Desde a súa flora, xa que aparece unha xanzá, que é unha planta moi característica da zona, ata a súa fauna, porque hai un urogallo e un oso pardo cantábrico, pasando por cuestión etnográficas propias. Deste xeito aparece un hórreo, xente facendo a mallega ou unha muller fiando la. E logo Ana aportou detalles moi chulos como unha horta con verzas e tamén pintou un par de nenos, co que quixo recordar a historia de Navia e simbolizar que aquí aínda hai nenos, futuro, e por iso forma parte do proxecto Aldeas Vivas”, indica Julia Gegunde.

Desde a asociación cren que o mural está tendo unha grande acollida. “A xente está encantada co mural e tamén con Ana, porque está moi ben que veña unha persoa nova ao pobo que se involucre tanto e que arranxe unha zona que estaba moi deteriorada. A xente acolleu moi ben a Ana e ela adaptouse tamén moi ben a Navia e aos seus veciños”, valora unha Julia que está convencida de que “a boa acollida da xente vainos impulsar a desenvolver máis proxectos para o noso pobo”, conclúe.

Paola C. Avella, técnica en intervención social do CIEPS: “Son máis de 30 as persoas, de España e do estranxeiro, inscritas en Aldeas Vivas porque están interesadas en vivir ou emprender no rural”

Declaración dunha entrevista e foto de Paola C. Avella, técnica de intervención social do CIEPS

O Centro Comarcal de Innovación, Emprendemento e Participación Social (CIEPS), unha infraestutura de recursos humanos creada polo Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) Montes e Vales Orientais en colaboración coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), continúa levando a cabo distintos proxectos que serven para cohesionar o territorio, loitar contra o despoboamento e tecer redes entre os habitantes dos 14 municipios que compoñen o ámbito de actuación do GDR. Paola C. Avella, unha nova poboadora do territorio que chegou hai catro anos desde a súa Colombia natal, desenvolve a labor de técnica en intervención social do CIEPS desde o mes de abril. Ela cóntanos en que proxectos andan inmersos e como están respondendo os veciños e veciñas da zona ás moitas iniciativas que están levando a cabo na actualidade.

– Primeiro fálanos un pouco de ti. Cando chegache á Montaña e desde cando traballas no CIEPS?

– Pois eu procedo de Colombia e levo xa algo máis de catro anos aquí. En abril comecei a traballar no CIEPS e creo que foi un paso importante para min porque está sendo unha moi boa oportunidade para retomar a miña vida profesional.

– O cambio entre Colombia e a montaña lucense imaxino que é moi grande?

– Si, supón un cambio practicamente a todos os niveis: cultura, clima, etc. Agora xa estou adaptada e síntome mellor que ao principio, pero é un proceso que segue en marcha. Traballar no CIEPS permitiume coñecer o territorio, tamén a máis persoas e, sobre todo, a cultura e as costumes da zona. Digamos que o traballo axudoume a facer unha inmersión.

– Falemos do CIEPS. Que funcións ten?

– Digamos que ten tres patas. A primeira é o Centro de Innovación e Emprendemento, onde se apoia a aquelas persoas que queren montar un negocio na súa aposta emprendedora. A outra pata é a de novos poboadores, onde xestionamos un banco de vivendas e negocios agrupado na plataforma Aldeas Vivas, que é unha páxina web que permite reunir todas esas opcións e permite que as persoas poidan ver que recursos hai dispoñibles no territorio. É dicir, que casas están de aluguer e que negocios se poden comprar ou tamén alugar. Hai bastante movemento e o obxectivo con esta iniciativa é atraer novos poboadores porque a maioría de concellos do territorio están en risco alto ou mesmo extremo de despoboación. Contamos con moita poboación maior e non hai relevo xeracional para os traballos, así que esta parte do proxecto está enfocada a atraer a persoas que queiran facer do rural o seu medio de vida.

A terceira pata é a videoasistencia para maiores de 65 anos, que é unha iniciativa na que estamos desenvolvendo un proxecto piloto. Estámoslle ensinando ás persoas maiores a interactuar cuns dispositivos electrónicos configurados especialmente para elas. Trátase dunhas tablets coas que estamos levando a cabo unhas sesións de aproximación e aprendizaxe para que poidan coñecer un pouco máis o tema dixital. Seleccionamos tres concellos (Ribeira de Piquín, A Fonsagrada e Becerreá) e un grupo de persoas que quixeran formar parte do proxecto piloto e probar como se senten coa tablet e se lles gusta ou non. Fixemos xa dúas sesións en cada un destes municipios e creo que está sendo un éxito total porque os usuarios están encantados coa tablet.

“O CIEPS divídese en tres patas. Unha primera de apoio ao emprendemento, unha segunda que busca loitar contra o despoboamento e unha última que trata de axudarlle aos maiores de 65 anos a través da videoasistencia cun dispositivo electrónico especial”

– Pódese establecer un perfil de usuarios dos proxectos que impulsa o CIEPS?

– Estamos tendo moita máis interacción coas mulleres grazas á Rede de Mulleres. Tamén participan homes, pero digamos que a maioría son mulleres, salvo na viodeoasistencia para maiores de 65 anos, onde participan homes e mulleres por igual. Pero, por exemplo, no último obradoiro de marmelada que fixemos en Pol só houbo un home. Esta Rede de Mulleres é unha iniciativa interxeracional, xa que temos mulleres moi novas, adultas e xa maiores, e está servindo para integrar a moita xente, xa que participan persoas que pertencen a asociacións, pero tamén outras que o fan a título particular.

– A Rede de Mulleres tamén está funcionando moi ben, non si?

– Si, moi ben. A min permitiume coñecer a moitas mulleres emprendendoras e con moito talento en diferentes áreas. Mulleres con moito talento que se cadra estaban un pouco invisibles, illadas, pero coas sinerxias que se fan con esta rede xuntámonos, visibilizámonos e vaise integrando a todo o mundo pouco a pouco.

– Como avanza a plataforma de Aldeas Vivas?

– Con Aldeas Vivas temos dúas vertentes. Por unha banda están os convenios que asinamos con distintas asociacións do territorio que nos están axudando a xestionar recursos, captar vivendas, empregos, terras e todo o que se poida axustar á iniciativa. Fixemos un traballo coas asociacións e varias delas están desenvolvendo propostas como encontros, espazos de reflexión ou de promoción do rural onde se visibiliza o rural desde as oportunidades que se presentan. Estas asocacións están axudando moito, pero tamén hai outra vertente autónoma, onde calquera persoa pode entrar na web, rexistrarse e dar de alta un recurso e poñelo de maneira visible para venda, aluguer, etc. Son máis de 30 as persoas inscritas xa en Aldeas Vivas, tanto nacionais como doutros latitudes que están interesadas en vir vivir a Galicia ou emprender no rural. Temos contactos de persoas de España, que nun 70% proceden sobre todo de Barcelona, Madrid, Sevilla ou doutras provincias galegas, e logo tamén contactou bastante xente do estranxeiro. A través da plataforma observamos que teñen interese en comprar, emprender ou buscar traballo persoas de Bolivia, Venezuela, Colombia, Arxentina, Estados Unidos ou Italia, entre outros países.

– Que buscan cos obradoiros que se organizan por todo o territorio?

– Sobre todo queremos visibilizar e promocionar o talento das mulleres e das persoas que se asentan nesta zona. Para iso estamos desenvolvendo todos estes espazos con temas de aproveitamento de recursos do territorio, sexan obradoiros sobre plantas medicinais, plantas en xeral, materiais ou excedentes da horta. Vemos que se tratan moitas cousas que a veces as persoas non saben facer, pero que outros souberon aproveitar moi ben ao longo de décadas este tipo de excedentes e empregábanos para beneficio propio facendo xabón, ungüentos, medicinas, preparados ou conservas. Parte do meu traballo durante estes seis meses foi atopar a esas persoas talentosas e coordinar os obradoiros ao longo dos 14 concellos que forman parte do ámbito do GDR Montes e Vales Orientais. Neste tempo xa fixemos sete e foron un éxito total de participación porque obradoiro que publicamos, obradoiro no que se cobren as prazas. Creo que este tipo de actividades espertaron un interese grandísimo porque a xente atópaas útiles para a súa vida, para o fogar ou para as súas hortas.

Baleira acollerá entre o venres 25 e o domingo 27 de outubro a sétima edición da Feira do Mel da Montaña

Sexta edición da Feira do Mel da Montaña celebrado en Baleira en outubro do ano 2023

O Concello de Baleira acollerá entre o venres 25 e o domingo 27 de outubro a sétima edición da Feira do Mel da Montaña Lucense, que este ano vén cun programa cargado de múltiples e variadas actividades e que unha vez máis organiza o Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) Montes e Vales Orientais, en colaboración co Concello de Baleira e outros organismos e firmas privadas. Entre as actividades a desenvolver nesta fin de semana destaca o terceiro Concurso Comarcal de Meles da Montaña Lucense, que se celebra ao abeiro da feira, e onde se escollerán cales son os dous mellores meles do territorio neste ano 2024 entre todas as propostas que presentaron os produtores que decidiron participar no certame e cuxas colmeas teñen que estar radicadas nalgún dos 14 municipios que compoñen o ámbito de actuación do GDR Montes e Vales Orientais.

Esta celebración busca exaltar a calidade excepcional do mel que se produce nos espazos naturais protexidos deste territorio.

Programación

A sétima Feira do Mel de Montaña terá a súa primeira parada o venres 25 de outubro no CEIP Concepción López Rey de O Cádavo, en Baleira, onde o alumnado poderá participar ás 11.00 horas nun obradoiro de utilidades con mel.

O groso do programa desenvolverase entre o sábado e o domingo. O día 26 haberá un obradoiro de xabóns artesáns e ungüentos con cera e mel ás 15.30 horas no Centro Sociocultural de Baleira. Posteriormente, ás 18 horas dará comezo un taller de calidade e cata de meles comentada, que dará paso, desde ás 19 horas, a unha representación teatral para público infantil a cargo de Bátega co espectáculo ‘O Mundo de Martiña’. Para os obradoiros é preciso inscribirse no formulario que aparece na web do GDR www.montesevalesorientais.gal.

As actividades do sábado 26 de outubro rematarán ás 20.30 horas na praza municipal baleirense cun magosto organizado polo Concello no que haberá, loxicamente, castañas e outras larpeiradas, así como música e baile.

O programa do domingo 27 desenvolverase integramente pola mañá. Ás 10 horas abrirase a feira ao público no recinto que se habilitará na praza municipal e medio hora máis tarde dará comezo un obradoiro de hidromel con cata incluída. Ás 11.30 horas procederase á apertura do panel de cata dos meles presentados a concurso.

A xornada continuará ás 12.30 horas cunha degustación de feixós e chulas con mel e maridaxe de cervexa de castaña. Ás 13 horas será o momento para a visita das autoridades e esta sétima edición da Feira do Mel de Montaña pecharase ás dúas da tarde coa entrega de premios e diplomas acreditativos aos dous mellores meles do concurso e o sorteo do Pasaporte Gastronómico.

As persoas que queiran participar nas distintas actividades que se van celebrar durante os dous días principais da feira poden facelo aínda nos números de teléfono 982.355.20 e 659.275.743, ou enviando un correo electrónico á dirección montes.vales.orientais@gmail.com. Mentres tanto, o prazo para presentar os meles ao concurso pechouse xa o pasado 10 de outubro.

Deseño ganador e finalistas do terceiro Concurso Pintameles que ilustrará os carteis da sétima edición da Feira do Mel da Montaña de Baleira

Concurso Pintameles

Ao igual que en edicións pasadas, os máis pequenos foron os encargados de ilustrar o cartel desta sétima edición do certame de Baleira. Os deseños gañadores, escollidos entre unha gran cantidade de propostas, xa que o Concurso Pintameles volveu ser un gran éxito de participación, foi pintado por Antía Pena Vázquez, alumna de 6º de Primaria do CEIP Concepción López Rey de O Cádavo. O segundo premio desta Categoría A foi compartido por Alejandro Rancaño Gayoso, do Colexio Santa María da Fonsagrada, e Nerea Santín Fernández, do CEIP Plurilingüe San Xoán de Becerreá. Así mesmo, na Categoría B, o deseño premiado foi o de Raúl Delpueblo López, do CPI Plurilingüe Navia de Suarna.

Coma cada ano, os debuxos de todo o alumnado que participou no concurso expoñeranse nas carpas da Feira.

O centro de día de Ribeira de Piquín acolleu unha sesión do proxecto de Videoasistencia para maiores de 65 anos

Primeira sesión para coñecer o funcionamento das tabletas do proxecto de Videoasistencia para maiores de 65. Celebrouse no centro de día de Ribeira de Piquín

En Ribeira de Piquín comezou a posta en marcha do proxecto de Videoasistencia para maiores de 65 anos cunha xornada dedicada ao coñecemento do dispositivo electrónico que recibirán os usuarios que participarán nesta proba piloto. Un total de 13 persoas participaron nunha sesión celebrada no centro de día de Ribeira de Piquín baixo a dirección de Paola C. Avella técnica do proxecto.

Este programa de videoasistencia é parte do proxecto Montes e Vales Orientais Territorio Intelixente, que levamos a cabo xunto coa FEGAMP.

Esta primeira sesión foi un éxito total, xa que todos os participantes amosaron as súas ganas de aprender a traballar coa tablet e tamén estivo moi implicada a traballadora social municipal. “En este primer día empezamos con un acercamiento a las personas mayores en el tema digital, hablando un poco sobre los miedos, dificultades y que ellos pudieran empezar a interactuar con el dispositivo”, explica Paola C. Avella. Este primeiro achegamento deixou unha grata sorpresa entre as persoas que interviron. “Existe mucho prejuicio de que a los mayores no les guste esta tecnología, pero lo que vimos en las sesiones es que realmente sí les gusta, sí pueden hacerlo, disfrutarlo y aprovecharlo, independientemente de la edad que tengan. Simplemente hay que facilitarles la interacción, el espacio y orientarlos un poco”, destaca Paola C. Avella.

Durante esta sesión, os maiores puideron realizar puzles, escoitar música a través de Youtube, buscar información co asistente de voz que trae incorporada a tablet, así como realizar pasatempos ou xogar ao aforcado, o dominó ou facer figuras. É dicir, tocaron practicamente todas as ferramentas de estimulación cognitiva que trae este dispositivo electrónico especialmente preparado para os maiores de 65 anos.

Como exemplo do bo desenvolvemento desta primeira xornada, Avella sinala que “habíamos programado una actividad de una hora y quedamos casi dos horas y media porque estaban fascinados con la tablet y no pensaban que fuese tan fácil y divertido, además de que la trabajadora social, que nos acompañó durante toda la sesión, y todas las gerocultoras del centro están muy comprometidas con esta iniciativa y nos estuvieron apoyando todo el tiempo”, salienta Paola C. Avella.

Tamén tirou conclusións moi positivas desta primeira sesión a traballadora social do centro de día de Ribeira de Piquín, Mari Carmen Carricajo. “La gente ha estado muy participativa, les ha gustado mucho la actividad y creo que han quedado con ganas de seguir interactuando con las tablets. La valoración de esta primera jornada es muy positiva”, indica.

Carricajo considera que os maiores aprenderán a usar os dispositivos sen demasiados problemas. “Creo que les va a ir bien porque fueron bastante autonómos ya el primer día y aprendieron rápido y muy bien. Ahora nuestra intención es trabajar en el centro de día todas las semanas y turnarse ellos las tablets o trabajar por parejas. Tenemos que ver la metodología, pero estamos contentos”, explica.

A traballadora social de Ribeira de Piquín entende que as tablets lle van aportar moitas cousas aos usuarios. “En primer lugar van a sentirse útiles porque muchos piensan que no van a aprender o no se les va a dar bien, pero después van a ver que sí son capaces. Que aprendan unos conceptos sobre las nuevas tecnologías me parece interesante y después es otra manera de socializar porque hacen actividades por parejas o por grupos y eso también fomenta el intercambio”, concluye.

Finalmente, Mari Carmen Carricajo avanza que “los juegos creo que es lo que más les va a gustar porque son juegos parecidos a los que hacemos de memoria y demás. Muchos de esos juegos los hacíamos en papel y ver que podían jugar con ellos y resolverlos en la tablet fue lo más les gustó”, asegura.

Montes e Vales Orientais Territorio Intelixente Logos

3º Concurso Comarcal de Meles da Montaña Lucense

Concurso de Meles da Montaña

A Asociación Montes e Vales Orientais, vén de convocar neste 2024 a terceira edición do Concurso Comarcal de Meles da Montaña Lucense. Este concurso ten o obxectivo de seleccionar e recoñecer os dous mellores meles da montaña do ano.

Un mel excepcional, feito en espazos protexidos

Nas comarcas da montaña, prodúcese un mel que ten unha calidade excepcional. A frenética actividade das abellas ten como eixo central un entorno natural único e no que hai unha gran diversidade de plantas e flores. Unhas condicións óptimas para crear un mel cas mellores propiedades e todo o sabor.

Nesta terceira edición do Concurso Comarcal de Meles da Montaña Lucense, damos un paso máis para trasladar esa calidade excepcional ao consumidor, facendo unha análise en laboratorio de todos os meles presentados.

Convocatoria ao Concurso Comarcal de Meles da Montaña Lucense

Ao igual que nos anos anteriores, este concurso celebrarase no marco da VII Feira do Mel da Montaña que se vai celebrar en Baleira os vindeiros días 26 e 27 de outubro. Desde o GDR queremos convidar a participar a todas as persoas apicultoras que produzan mel nalgún dos 14 municipios que forman parte do noso ámbito de actuación:

  • Baleira
  • Baralla
  • Becerreá
  • Cervantes
  • A Fonsagrada
  • Láncara
  • Meira
  • Navia de Suarna
  • Negueira de Muñiz
  • As Nogais
  • Pedrafita do Cebreiro
  • Pol
  • A Pontenova
  • Ribeira de Piquín

Premio á Mellor Mel da Montaña Lucense 2024

Entregarase un diploma que acredite ao gañador ou gañadora do primeiro e segundo premio do concurso, e tamén se lles entregará un trofeo. Ademais, as persoas produtoras que resulten gañadoras terán o dereito a facer uso de dito recoñecemento na súa promoción como produtores de mel.

Resumo dos requisitos para participar

  1. Poderán participar apicultoras e apicultores individuaris ou asociados con mel de abella que cumpla coa norma de calidade relativa ao mel que está vixente.
  2. Enviar as mostras necesarias para participar antes do 10 de outubro de 2024 as 12 h. do mediodía.
  3. Enviaranse como mostra 2 tarros de 500 gramos, os dous sen etiquetar e cunha etiqueta a parte.
  4. O mel ten que ser da colleita de 2024 en calquera dos municipios mencionados anteriormente.
  5. Os envases deben ser de vidrio.
  6. Cubrir a folla de inscrición ao concurso.

Como participar?

Para participar é preciso entregar as mostras persoalmente ou facer que cheguen por correo postal ao enderezo da nosa asociación nos prazos indicados:
Asociación Montes e Vales Orientais
Casa do Concello de Baleira – Planta Baixa
Rúa Dr. Escobar s/n 27130 Baleira – Lugo

Data límite de recepción de mostras: 12 da mañá do xoves 10 de outubro de 2024.

Saberes tradicionais: xabóns e champú solido

Imaxe principal do obradoiro de xabóns e champús sólidos celebrado en Baleiro con Diana Forero como mestra

O Centro Social Cultural de Baleira e a sede da Asociación As Bulideiras das Nogais acolleron nas últimas semanas senllos obradoiros no que os participantes aprenderon a elaborar xabóns artesanais e champús sólidos da man de Diana Forero, propietaria dos Apartamentos Sons do Eo.

Estas actividades, coordenadas polo GDR Montes e Vales Orientais e que foron un auténtico éxito en canto ao número de asistentes, tiñan como obxectivo recoñecer aqueles recursos do territorio que poden ser aproveitados para realizar distintos traballos. Neste caso tratouse de recoñecer os materiais, aceites e plantas naturais do entorno que serven de ferramentas para elaborar xabóns e champús sólidos de xeito totalmente artesá.

Partindo de cero, Diana Forero guiou aos asistentes nun proceso de elaboración que comeza coa saponificación, onde conflúen tres elementos: auga, graxas ou aceites e unha base/álcali. Nestes obradoiros tamén se fixo moito fincapé nas medidas de seguridade que hai que cumprir á hora de tratar con estes produtos, xa que hai algúns ingredientes corrosivos como a sosa cáustica. Así mesmo, é imprescindible realizar certos traballos ao aire libre ou nunha sala ben ventilada, ao igual que se deben empregar elementos como gafas de seguridade ou luvas.

Finalmente, Diana Forero explicou a cantidade de ingredientes que hai que empregar en cada formulación para que a composición final dos xabóns e os champús sexa perfecta. Ademais da aprendizaxe, cada participante puido levar para a casa unha mostra dos xabóns.

No seguinte documento pódese atopar toda a información relativa a estes dous obradoiros, así como o proceso para conseguir que os xabóns e os champús sólidos sexan unha realidade.

Desde o GDR Montes e Vales Orientais agradecemos a implicación e o traballo desenvolvido por Diana Forero nestes dous obradoiros, así como aos participantes pola súa asistencia e ao Concello de Baleira e á Asociación As Bulideiras das Nogais polas cesións dos locais nos que se desenvolveron os respectivos talleres.

Saberes tradicionais: preparados menciñais

Foto do 'Taller de preparados menciñais naturais'

O pasado mes de agosto desenvolveuse no Instituto Vello da Fonsagrada un ‘Taller de preparados menciñais naturais’ que foi un auténtico éxito de participación. O obradoiro foi impartido por Alkimias Tres Herbas e colaborou na organización o GDR Montes e Vales Orientais buscando a meta de aprender a aproveitar os recusos do territorio.

O numeroso grupo de persoas participantes aprenderon a identificar plantas silvestres presentes na natureza da montaña e a preparar con elas remedios naturais como maceracións ou ungüentos.

As formadoras de Alkimias Tres Herbas explicaron todo o proceso que hai que levar a cabo para conseguir estes preparados menciñais naturais desde o momento inicial da recolección das plantas e como se debe levar a cabo esta, ata as receitas finais pasando pola conservación dos ingredientes e a extracción das propiedades que conteñen.

Nesta ligazón pódese descargar un amplo manual para aprender a realizar estes preparados.

Desde o GDR Montes e Vales Orientais agradecemos enormemente o traballo e compromiso das integrantes de Alkimias Tres Herbas, a asistencia de todas as persoas que nos acompañaron neste obradoiro, así como a colaboración do Concello da Fonsagrada coa cesión do espazo no que se desenvolveu o mesmo.

Presentación de Aldeas Vivas, a plataforma para a loita contra o despoboamento na montaña luguesa

Aldeas Vivas Presentación

A Delegación da Axencia Tributaria en Lugo foi escenario esta mañá de mércores da presentación do proxecto Montes e Vales Orientais Territorio Intelixente e da súa ferramenta Aldeas Vivas, unha iniciativa que busca loitar contra o despoboamento do rural e que nace do aproveitamento de sinerxias entre este GDR e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp).

No acto de presentación participaron Carlos López López, presidente do GDR Montes e Vales Orientais; Paz Rodríguez Rivera, directora xeral de Desenvolvemento Rural e da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader); Isabel Rodríguez López, Subdelegada do Gobierno en Lugo e Alberto Varela Paz, presidente da Fegamp. Así mesmo, os encargados de presentar o proxecto Montes e Vales Orientais Territorio Intelixente e a súa ferramenta web www.aldeasvivas.gal foron Lucía González Louro, técnica da Fegamp; Fe Álvarez Sánchez, xerente do GDR Montes e Vales Orientais; e Román Sánchez Besteiro, técnico do Centro de Innovación, Emprendemento e Participación Social (CIEPS) de Montes e Vales Orientais.

Os primeiros en intervir foron os representantes das institucións. Isabel Rodríguez, a Subdelegada do Gobierno en Lugo, destacou que desde o Estado se puxera “sobre a mesa a problemática da despoboación rural e a necesidade de afrontar con medios e investimentos o reto demográfico”.

Pola súa banda, Alberto Varela Paz, presidente da Fegamp, destacou a importancia deste proxecto para o territorio, “un territorio duns 2.500 kilómetros cadrados e só 22.000 habitantes, con baixos índices demográficos e un alto nivel de avellentamento da poboación”, indicou.  Varela Paz destacou que “a través deste estase a facer un esforzo para gañar poboación, aumentar posibilidades de emprego e crecemento local“.

A plataforma www.aldeasvivas.gal é un centro de recursos do territorio, desde vivendas para aluguer, ata traspaso de negocios, pasando por ofertas de emprego e incluso terras para traballar.  Os técnicos do GDR e da FEGAMP apoiáronse nas asociacións do territorio “para poder poñer en marcha esta plataforma e que sexan tamén elas as que axuden a detectar oportunidades para visibilizar na páxina”, afirmou Román Sánchez, un dos técnicos que está a traballar no seu desenvolvemento. “Queremos conseguir que o noso territorio sexa atractivo para novos poboadores que queiran vir ou para persoas do territorio que queiran involucrarse noutras perspectivas vitais e profesionais”, engadiu.

Esta plataforma busca dar resposta á necesidade de vivendas, locais e terras de alugueiro para o asentamento de novos poboadores no territorio que abrangue o GDR Montes e Vales Orientais, ao tempo que se axuda á integración desta poboación migrante. Con isto búscase colaborar na remuda xeracional do sector agrario, que os mozos poidan levar a cabo o seu proxecto de vida sen ter que emigrar da súa comarca e promocionar o emprendemento e a creación de emprego local a partir dos novos nichos de mercado xerados pola transición dixital e ecolóxica da economía.

Para logralo, Sánchez debullou as distintas ferramentas das que dispón a plataforma e que permitirán ofertar e demandar recursos habitacionais e oportunidades laborais ou de emprendemento, establecer unha canle de contacto entre demandantes e ofertantes, así como dinamizar a práctica do alugueiro no territorio que permita reter a poboación moza local e captar e asentar poboación nova.

Esta iniciativa enmárcase dentro do proxecto Montes e Vales Orientais Territorio Intelixente, que traballa para xerar un ecosistema de oportunidades de innovación para a transformación das aldeas en espazos para a vida, o emprego e a autonomía. Conta co financiamento da Secretaría General para el Reto Demográfico do Goberno de España.

Desde o Centro de Innovación, Emprendemento e Participación Social (CIEPS) de Montes e Vales Orientais insistiuse en que é primordial que “o entramado social e institucional do territorio faga súa a web e esta se converta nun referente”, ao tempo que tamén considera fundamental que “haxa moita oferta nova na web, porque xa hai distinta xente do territorio que a está vendo que esta plataforma é unha ferramenta moi necesaria e tamén moi útil”, concluíron.

Pola súa banda, Fe Álvarez Sánchez, xerente do GDR Montes e Vales Orientais, sinalou a importancia de sumar esforzos e traballar man a man coas diversas entidades que operan no territorio.  Álvarez salientou que un exemplo perfecto desta colaboración é o proxecto Aldeas Vivas, no que ademais da colaboración institucional entre o GDR e a FEGAMP, está sendo de vital importancia o apoio dos Concellos do territorio. Como mostra deste apoio, os alcaldes de varios concellos do GDR Montes e Vales Orientais acudiron á presentación da ferramenta en Lugo.

Montes e Vales Orientais Territorio Intelixente Logos

Formación especializada en ‘Sostibilidade e competencias dixitais para o turismo rural’

Formacion Sostibilidade e competencias dixitais

A FEGAMP, organiza en Baleira un curso de especialización en ‘Sostibilidade Turística e Competencias Dixitais’ dirixido a profesionais do sector turístico e tamén persoas interesadas en formarse para desenvolver proxectos relacionados co turismo rural.

CANDO?
1, 2 e 3 de xullo, de 9.30 h. a 14:30 h. 
Na modalidade presencial, realizaranse formacións no territorio en experiencias inmersivas das tradicións rurais durante os tres días, en horario de tarde.

COMO?
Presencial e online.

ONDE?
Casa do Concello de Baleira. Rúa Dr. Escobar, s/n. Baleira. Lugo

CUSTE?
Gratuíto en ambas modalidades. A formación presencial inclúe comida networking e actividades inmersivas no territorio os tres días.

INSCRICIÓNS
Para coidar ao máximo a experiencia formativa, as prazas están limitadas e é preciso inscribirse. Unha vez cubertas as prazas, farase unha lista de agarda por rigurosa orde de inscrición.

Trátase dunha formación intensiva, de gran valor formativo, gratuíta e acreditada polo proxecto RETTURN.  A formación farase en modalidade presencial en Baleira e en modalidade online, retransmitida en streaming.

A modalidade presencial en Baleira, contará con dinámicas e experiencias inmersivas no territorio, baseadas nas tradicións rurais. Estas actividades extra levaranse a cabo polas tardes, completando a formación matutina.

As persoas interesadas en quedarse no territorio durante os días que dura a formación, poden poñerse en contacto co equipo do GDR no teléfono 659275743 se desexan información sobre aloxamentos próximos ao lugar onde se realiza a formación.

Programa formativo

01/07/202402/07/202403/07/2024
MÓDULO 1 – Ferramentas para a xestión de proxectos turísticos
(2,5 horas)
MÓDULO 3 – Emprendemento e innovación no ámbito do turismo rural. (2,5 horas) MÓDULO 5 – Márketing dixital para a promoción de destinos turísticos. (2,5 horas)
MÓDULO 2 – Oportunidades de financiamento para o sector turístico. (2,5 horas)MÓDULO 4 – Economía circular e turismo
(2,5 horas)
MÓDULO 6 – Redes sociais para o sector turístico. (2,5 horas)
COMIDA NETWORKING / PICNICCOMIDA NETWORKING / PICNICCOMIDA NETWORKING / PICNIC
Formación en experiencias inmersivas das tradicións rurais – Turismo en espazos naturais e rituais tradicionais.
Baleira. Cortevella – San Bernabé
Formación en experiencias inmersivas das tradicións rurais – Apiturismo no Ecomuseo El País del Abeyeiro e no xardín de polinizadores. Negueira de MuñizFormación en experiencias inmersivas das tradicións rurais – Natureza e historia en Meira. Pedregal de Irimia e Mosteiro de Santa María.
As actividades resaltadas en negriña, só estarán dispoñibles na modalidade presencial, que se impartirá en Baleira, Lugo.

Proxecto Retturn

A FEGAMP – Federación Galega de Municipios e Provincias, está a desenvolver no ámbito territorial do GDR Montes e Vales Orientais o proxecto Retturn – Red de Experiencias Turísticas Basadas en la Tradición Rural, co obxectivo de transformar o concepto de “turismo rural” mediante a conservación e recuperación de tradicións en perigo de extinción, conseguindo xerar experiencias turísticas memorables.

No noso caso, estase a traballar en crear experiencias relacionadas coas pallozas e os teitos de palla, a trashumancia e a gandería de montaña ou o patrimonio popular apícola.

A Rede de Mulleres de Ancares Terras de Burón organiza unha xornada intercultural en Láncara

Xornada Intercultural 'Un territorio culturalmente diverso. Experiencias de asentarse aquí', a celebrar o 9 de xuño na Casa de Grande de Láncara baixo a organización do GDR Montes e Vales Orientais e da Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP)

A Casa Grande de Láncara acollerá o vindeiro domingo 9 de xuño unha nova xornada gratuíta dirixida ás mulleres do territorio Ancares Terras de Burón coa que seguir consolidando e tecendo a rede que se iniciou no pasado ano. Esta vez, baixo o título ‘Un territorio culturalmente diverso. Experiencias de asentarse aquí’, doce mulleres chegadas desde distintos puntos de España e doutros países como Colombia, Arxentina, Brasil, Nova Zelandia, Romanía ou Bélxica falarán nesta iniciativa intercultural sobre a súa experiencia á hora de asentarse no territorio sobre o que traballamos no Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) Montes e Vales Orientais, impulsor desta Rede de Mulleres, xunto coa FEGAMP.

A xornada, dirixida a mulleres de todas as idades, dará comezo ás 10 da mañá coa benvida a todas as participantes e a súa acreditación. Posteriormente presentarase a xornada e ao redor das 10.45 horas está previsto que se inicien unha serie de conversas nas que varias mulleres ofrecerán a súa visión en primeira persoa de como levaron a cabo o seu asentamento no territorio. A media mañá farase un mercadiño de intercambio de roupa e ás 12.45 horas será a quenda para outro grupo de mulleres chegadas desde puntos moi diversos do globo terráqueo. A sesión matutina pecharase ás 14.30 horas cunha comida de traballo na que as participantes falarán sobre como impulsar a Rede de Mulleres, facendo unha reflexión conxunta sobre este tema a partir das 16.30 horas. A tarde e a xornada pecharase cunha visita guiada á Casa de Cuba en Láncara, Centro de Interpretación da Emigración Galega, para ter memoria de que desde o noso territorio tamén partiron miles de novas poboadoras cara diferentes países do mundo.

Cartel da Xornada Intercultural 'Un territorio culturalmente diverso. Experiencias de asentarse aquí', a celebrar o 9 de xuño na Casa de Grande de Láncara baixo a organización do GDR Montes e Vales Orientais e da Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP)

Esta Rede de Mulleres é un elemento máis no que se apoia o programa ‘Montes e Vales Orientais Territorio Intelixente’ e a iniciativa ‘Aldeas Vivas’ que impulsamos desde o GDR3 en colaboración coa Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) e que ten por obxectivo atraer novas persoas poboadoras ao territorio da montaña de Lugo.

A xerente do GDR Montes e Vales Orientais, Fe Álvarez, explica que “o obxectivo desta xornada de intercambio e convivencia é aprender da diversidade cultural das mulleres que vivimos nalgúns dos 14 concellos que forman o GDR e reflexionar sobre como podemos axudar a asentarse ás persoas que están instalándose aquí”.

Inscrición aberta e gratuíta

O prazo para anotarse nesta xornada manterase aberto ata mediados da vindeira semana ou ata que se completen as prazas dispoñibles. Recordar que é unha xornada totalmente gratuíta para todas as mulleres que decidan inscribirse. A inscrición lévase a cabo cubrindo un formulario que se pode atopar na portada desta páxina web ou tamén se pode contactar por Whatsapp ou teléfono no 622.54.09.68.

Programa da xornada

10:00 – Benvida e acreditación das participantes
10:30 – Presentación da Xornada
10:45 – Conversas e experiencias de asentarse no territorio
12:00 – Mercadiño de intercambio de roupa
12:45 – Conversas e experiencias de asentarse no territorio
14:30 – Comida de traballo sobre como impulsar a Rede de Mulleres
16:30 – Reflexión conxunta sobre o papel da Rede de Mulleres
17:00 – Visita guiada á Casa de Cuba en Láncara, Centro de Interpretación da Emigración Galega
18:00 – Fin da xornada