Coñecendo a Granxa Teixeiro E Pistón

Yolanda Granxa Teixeiro e Pistón

Yolanda, Miguel e Elba, son as persoas que están detrás da Granxa Teixeiro E Pistón, unha pequena explotación de cabras e cabalos situada no Concello de Becerreá, nos Ancares.

Esta fin de semana recréase en Cruzul, tamén en Becerreá, a batalla que enfrontou as tropas francesas e inglesas alá polo ano 1808, e como parte desta recreación haberá unha cea ao estilo dos campamentos militares na que se fará cabrito ao espeto; pero non calquera cabrito, porque serán animais criados en liberdade nas fincas que ten nesta zona a Granxa Teixeiro E Pistón.

Aproveitamos que centos de persoas van saborear o seu produto este sábado, para achegarnos a coñecelos un pouco máis de cerca e falar con eles para que nos conten de primeira man como se xestiona unha granxa deste tipo e como as cabras poden ser unha solución para a recuperación de fincas abandonadas e un complemento interesante para a economía familiar.

Os inicios

A chegada das dúas primeiras cabras, no 2013, foi practicamente un experimento para manter limpa a finca que esta familia ten ao lado da casa. “Eu tiña claro que esa pendente non a quería volver desbrozar” bromea Miguel Cordero, recordando como empezaron.

Os bos resultados e a facilidade do manexo deste tipo de gando, animáronos a ir aumentando o número de cabras para poder manter limpas as fincas familiares. Despois viñeron os acordos cos veciños e a ampliación da base territorial alugando terreos na contorna.

Yolanda e Miguel, xestionan agora coa axuda da súa filla Elba, o seu rabaño de cabras a tempo parcial, compaxinándoo con outras ocupacións.  “É certo que, como todas as actividades, esto tamén esixe un certo nivel compromiso, de traballo… e hai que estar pendentes. Pero sempre organizamos a explotación de xeito que fose compatible con outras ocupacións. Se ben ao principio non obtíñamos beneficios, que tampouco nos dese perdas. E así fomos medrando pouco a pouco”, apunta Yolanda Gómez.  

Nestes anos, non só conseguiron facer sostible e estable a súa gandería de cabrún, senón que se converteron nun referente en Galicia formando parte de asociacións sectoriais e de proxectos innovadores, asinaron acordos coa multinacional Inditex para ser provedores dos seus comedores e traballan activamente na recuperación e posta en valor das razas autóctonas de cabra galega e cabalos pura raza galega.

O modelo de produción

As súas cabras e cabalos críanse en extensivo, están sempre pastando por fóra en fincas que pechan para poder telos controlados. Na medida na que van comendo o alimento, trasladan os animais dunhas fincas a outras.

Precisamente a base territorial é un dos principais problemas que teñen. As fincas nesta zona son pequenas e o ideal sería poder contar con extensións grandes, dunhas dúas hectáreas continuas. Para conseguir unha extensión na que se poida traballar con comodidade, é preciso xuntar as fincas de varios propietarios, algo que non resulta fácil. Así, o rabaño da Granxa Teixeiro E Pistón está repartido en diferentes fincas, algunhas bastante distantes entre sí, o que dificulta o manexo e fai preciso transportar animais e tamén adicar bastante tempo ao mantemento dos peches.

A viabilidade dunha explotación de cabrún

No caso da Granxa Teixeiro E Pistón a súa formación, ambos son enxeñeiros forestais,  axudou a que desde o principio fixesen un manexo técnico da explotación, tendo en conta a rendibilidade e o tipo de xestión que querían facer. Aproveitándonos desta cuestión, preguntamos sobre a viabilidade dunha explotación deste tipo:  “Está claro que cun rabaño pequeniño, a rendibilidade vai ser máis pequeniña, pero con estes anos de experiencia traballando co noso rabaño, agora sabemos que se quixésemos vivir só das cabras, en vez de ter cen, teríamos que ter catrocentas ou cincocentas e con iso sacaríamos un salario. Tamén sabemos que para iso precisaríamos alugar dous ou tres montes… “ sinalan.

“Tamén sabemos que cincuenta cabras as podería ter calquera. Facendo un manexo como o que facemos nós, cas cabras sempre fóra e cunha adicación a tempo parcial e véndoo coma un complemento a outra actividade”, apunta Yolanda.  “Ademais, estamos nun momento no que hai moitas oportunidades neste sector e precisamos xente con ganas de traballar e de agarrar esas oportunidades” continúa.

Ambos animan a que a xente da zona se atreva a criar cabras como complemento a outras actividades, “porque hai moita demanda e faltan produtores nesta zona”. A demanda de carne de cabrito supera a capacidade de produción que teñen na actualidade na granxa. Yolanda, que é quen se encarga da parte máis comercial, xestiona unha lista de agarda composta por clientes fieis que repiten cada ano.

A nivel comercial, tanto Miguel como Yolanda inciden na vantaxa que supón a localización do seu rabaño nos Ancares e en Galicia, xa que para as persoas consumidoras, esta localización é sinónimo de calidade e aporta prestixio ao produto. “Por qué o cabrito de Ancares non vai estar nos mellores restaurantes de Galicia? Ten a calidade para estalo”, sinalan mentras comentan o importante de ter unha marca forte e recoñecida como a dos Ancares e a necesidade de sumar produtores para poñer máis produto no mercado.

 Ademais da carne, na Granxa Teixeiro E Pistón tamén venden cabras e cabalos pura raza galega para vida, é dicir, para a recría noutras granxas e explotacións; unha liña de negocio tamén a ter en conta para as persoa que queiran emprender a actividade.

Unha granxa comprometida coa contorna

Miguel, Yolanda e Elba son persoas moi activas e implicadas con moitos proxectos a nivel profesional e persoal. Forman parte da Asociación de Criadores de Cabras e Ovellas de Galicia, da que foron parte da directiva; tamén están na Asociación de Criadores de Cabra Galega, que agrupa aos criadores da nosa raza autóctona e na Asociación de Criadores de Cabalos de Pura Raza Galega… e a Granxa Teixeiro E Pistón tamén recibe as visitas escolares do programa “Da Granxa á Escola” na que nenos e nenas de toda a provincia de Lugo se achegan a coñecer o día a día na granxa.

A nivel local, participan na Asociación Rente ao Couce, a través da cal promoven cursos de capacitación en peches para o gando, de poda de castiñeiros ou a Feira do 12 en Becerreá.

“Gústanos o sitio no que vivimos, gústannos os animais e a natureza. Ambos medramos en casas no campo e tamén nos sentimos coa responsabilidade de devolver algo do que recibimos a esta zona”, conclúe a parella.

Recuperar as producións locais

Tradicionalmente na Cociña de Ancares Terras de Burón, os pratos de cordeiro e cabrito estaban presentes en todas as celebracións e era habitual a cría de cabras ou ovellas en moitas casas da montaña. Desde o GDR Montes e Vales Orientais, así como desde o Xeodestino Ancares Terras de Burón, estanse a impulsar diferentes iniciativas relacionadas coa recuperación da cría destes animais, tanto como complemento ás economías familiares como para facer un mellor aproveitamento dos nosos recursos naturais.

Troitas ribeiregas, a Piscifactoría de Santalla en Ribeira de Piquín

Piscifactoria de Santalla, Ribeira de Piquín

O Concello de Ribeira de Piquín ten unha poboación de 495 habitantes segundo a última cifra oficial, a do ano 2023. En aproximadamente vinte anos, este municipio viu como perdía máis do 40% da súa poboación, xa que no 2002 eran 842 veciños e veciñas as que habitaban na Ribeira.

Esta grave situación demográfica, non é un problema unicamente deste concello, senón que é algo xeralizado nos concellos da montaña lucense: dispersión territorial, elevado nivel de envellecemento, pouca poboación nova, pirámide de poboación descompensada, falta de remuda xeracional…

Fundación TerrEo

Co obxectivo de loitar contra esta problemática e poder dar alternativas para que se estableza a poboación e se poida facer o municipio atractivo tanto a nivel persoal como profesional, o Concello de Ribeira de Piquín creou no ano 2020 a Fundación Municipal TerrEo, unha entidade sen fins de lucro que desenvolve actividades económicas relacionadas coa agricultura, a gandería e a acuicultura. Concretamente, a Fundación TerrEo ten en marcha actualmente unha plantación de kiwis de dúas hectáreas, unha explotación de porco celta e a Piscifactoría de Santalla.

Fotografía da Fundación Tic – Deputación de Lugo

Piscifactoria de Santalla

No 2021 a Fundación Municipal TerrEo mercou a Piscifactoría de Santalla, que levaba varios anos en desuso despois de que un temporal causase graves danos nas súas instalacións. Recuperáronse as instalacións e a presa que fai o aproveitamento das augas do río Eo para a cría e engorde de troia arco iris, unha especie que destaca pola súa calidade e sabor. A finais do ano 2023 as primeiras remesas de troitas ribeiregas xa estaban listas para a venda.

Mercar troitas ribeiregas

A piscifactoría está aberta ao público os 365 días do ano, en horario de 9 a 13 horas e de 16 a 19 horas. Calquera persoa que o desexe, pode achegarse ata ela neses horarios e mercar directamente, xa que fan venda a particulares e a empresas de restauración.

O Concello de Ribeira de Piquín sacou unha ordenanza municipal que regula os prezos de venda das troitas na súa piscifactoría segundo os quilogramos mercados:

CANTIDADEPREZO (10% IVE incluído)
0 a 10 kg.10€/kg.
11 a 25 kg.9€/kg.
26 a 100 kg.8€/kg.
101 a 500 kg.7,50€/kg.
Prezos das troitas da Piscifactoría de Santalla segundo o acordo do Pleno do Concello do 26/12/2023

Achegarse ata a Piscifactoría de Santalla, é tamén un incipiente reclamo turístico que está empezando a atraer a esta localización persoas que queren ver como se crían as troitas e gozar da paisaxe e o entorno natural na ribeira do Eo na que se asenta.

ENDEREZO:
Piscifactoría de Santalla. Santalla s/n – Ribeira de Piquín, 27244, Lugo – Localización Google Maps.

Actualmente as troitas ribeiregas son un produto certificado co selo de Cociña de Ancares Terras de Burón e xa se poden probar en moitos restaurantes da zona, algúns deles participan nas Xornadas da Troita de Ancares Terras de Burón.

Se tes un restaurante ou negocio hosteleiro e tes interese por mercar as troitas da Piscifactoría de Santalla, podes contactar co Concello de Ribeira de Piquín (tel. 982 333 601) para coordinar a loxística de pedidos grandes. Se es un particular ou queres mercar unha pequena cantidade de proba, podes achegarte directamente ás instalacións da piscifactoría calquera día do ano (incluído fins de semana e festivos) sen necesidade de cita previa nos horarios que indicamos un pouco máis arriba.

Reinvestindo no desenvolvemento rural

Os beneficios obtidos da actividade económica da Fundación TerrEo, que xestiona a Piscifactoría de Santalla, reinvístense na posta en valor e o aproveitamento do patrimonio, co fin de fomentar o desenvolvemento rural e impulsar a economía local e a creación de emprego en Ribeira de Piquín e a súa contorna. A Piscifactoría de Santalla é todo un símbolo neste municipio coñecido polas súas troitas e o seu alcalde Roberto Fernández Rico, asegura que este é só o inicio, xa que queren “recuperar instalacións e terras abandonadas para seguir impulsando proxectos produtivos que permitan crear emprego e facer un aproveitamento dos recursos naturais e forestais que temos”.

Fotografía de El Progreso, artigo ‘Regreso con mucho pasado‘. Cristina Pérez.

Resumo da ‘Xornada de Emprego para Repoboar o Rural’

Inauguracion da 'Xornada de Emprego para Repoboar o Rural' celebrada o 26 de abril de 2024 na Fonsagrada. Na imaxe aparecen, de esquerda a dereita: Pedro Blanco, Delegado do Gobierno en Galicia; Carlos López, presidente do GDR Montes e Vales Orientais e alcalde da Fonsagrada; e Roberto Fernández, vogal da Comisión Executiva da Fegamp e alcalde da Ribeira de Piquín.

O salón de actos da casa consistorial da Fonsagrada acolleu o venres 26 de abril a ‘Xornada de Emprego para Repoboar o Rural’ impulsada polo Grupo de Desenvolvemento Rural Montes e Vales Orientais e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp). Apuntáronse varias das oportunidades que ofrece o rural galego para poñer en marcha negocios e actividades económicas a través de exemplos en primeira persoa, ao tempo que tamén se analizou a situación que atravesan distintos sectores produtivos e se intentaron trazar posibles solucións para responder ás problemáticas coas que se atopan a diario aquelas persoas que apostan por vivir e traballar no rural.

Así mesmo, presentáronse dúas ambiciosas iniciativas enmarcadas dentro das accións proxecto Montes e Vales Orientais Territorio Rural Intelixente. Trátase por un lado, dun servizo de videoasistencia dirixido a maiores de 65 anos e por outro ladao, a plataforma Aldeas Vivas, coa que se busca dinamizar as aldeas converténdoas en espazos para a vida, o emprego e a autonomía.

No seguinte vídeo pode verse un resumo das persoas participantes na Xornada de Promoción do Emprego para Repoboar o Rural:

Esta ‘Xornada de Emprego para Repoboar o Rural’ foi inaugurada por Carlos López, presidente do GDR Montes e Vales Orientais e alcalde da Fonsagrada; Roberto Fernández, vogal da Comisión Executiva da Fegamp e alcalde de Ribeira de Piquín; e Pedro Blanco, Delegado do Gobierno en Galicia. Os tres expuxeron os esforzos que están levando a cabo desde as diferentes administracións para intentar evitar o despoboamento do rural e revalorizalo. “O Reto Demográfico ten como obxectivo que todo o mundo, independentemente de onde naza, teña dereito a estudar e emprender os seus negocios”, sinalou Pedro Blanco, que tamén engadiu que “estamos convencidos de que o rural ten futuro se todos traballamos a favor del”.

Nesta ligazón podes acceder á retransmisión que se fixo das xornadas en directo a través da canle de Youtube do GDR Montes e Vales Orientais.

Sector primario e agroalimentario

A benvida deu paso á primeira conferencia, que foi moderada por Ana Díaz, de Arela Comunicación Sostible e tiña como título ‘Oportunidades de traballo no sector primario e agroalimentario’. Contou coa participación de Brais Álvarez, do Sindicato Labrego Galego; David Outeiro, gandeiro da Fonsagrada que xestiona unha gandeiría rexenerativa; Manuel Cancio, adegueiro en Negueira de Muñiz e impulsor da Indicación Xeográfica Protexida Terras do Navia; e Guarina Rey, concelleira de Brión (A Coruña) e parte importante no desenvolvemento dos obradoiros compartidos que puxeron en marcha na súa vila.

De esquerda a dereita, durante o primeiro faladoiro da Xornada de Emprego para Repoboar o Rural: Brais Álvarez, David Outeiro, Manuel Cancio e Ana Díaz

Brais Álvarez abordou os problemas cos que se atopan os gandeiros á hora de emprender e desenvolver as súas explotacións, que están provocando “o peche continuo de granxas e  proxectos agrarios”, alertou. Entre estas atópase a dificultade para adiantar investimentos e a excesiva burocracia coa que se atopan ás veces, que fai que se alonguen moito os trámites. Tamén incidiu na falta de relevo xeracional e aportou que a agroecoloxía podía ser unha solución.

Pola súa banda, David Outeiro explicou a actividade que está realizando na súa explotación e, seguindo a argumentación do anterior poñente, salientou que “diante de crises como as do Covid e a suba dos prezos, as granxas máis resilientes resultaron ser as que seguían sistemas de produción agroecolóxica, pola súa baixa dependencia de insumos externos”, indicou.

Mentres, o adegueiro Manuel Cancio explicou como recuperaron as antigas viñas de Negueira de Muñiz, que se estaban perdendo. “Cando empecei quedaban dúas viñas e xa se ía plantar outra cousa nunha delas. Tiven que facer case todo de novo e no ano 2001 saíu a primeira botella de viño”, recordou. Foi un proceso longo, no que tiveron que “desmontar toda a mala fama que tiña o viño de Negueira pola súa acidez, pero hai que crer no que se fai e facer as cousas ben feitas”, sinalou.

A adhesión de novos produtores acabou levando á creación dunha asociación de adegueiros a través da que pediron ser Indicación Xeográfica Protexida. “Viron que reunía posibilidades o noso viño, fixéronse estudos e ao final conseguimos esta IXP, que é un espaldarazo importantísimo porque agora é máis fácil chegar aos sitios e comercializar o noso viño”, subliñou. Máis de dúas décadas despois de iniciar este proceso, “hai botellas do noso viño que se están vendendo a 27 euros, cando empezamos comercializándoas por 1’5 euros”, destacou.

Finalmente, pechou esta primeira mesa a concelleira de Brión Guarina Rey, que rememorou todo o proceso que levaron a cabo para poñer en marcha os obradoiros compartidos cos que contan no seu concello. Rei explicou que esta iniciativa xestouse a partir de outubro de 2017 para axudarlle a un “grupo de persoas que necesitaban contar cun espazo con rexistro sanitario para poder vender os seus produtos elaborados e así poder desestacionalizar as súas vendas e aproveitar os excedentes que teñen nas súas horas e que non se perdan”, afirmou. Agora, logo de atopar a difícil financiación externa, contan “cun obradoiro de masas, un obradoiro de hortalizas e froitas, unha zona de esterilización e outra de formación para poder impartir os cursos e traballar alí”, manifestou.

Sector asociativo e público

O segundo faladoiro xirou en torno ás ‘Oportunidades de traballo impulsadas desde o sector asociativo e público’ e contou coa moderación de Patricia Vilán Lorenzo, secretaria xeral da Fegamp. As primeiras en intervir foron Verónica Marcos e Sofía González, presidenta e técnica da Federación de Asociacións de Mulleres Rurais (Fademur). Marcos explicou o traballo que desenvolve Fademur, “recalcando sempre que somos unha organización feminista e progresista que integra en Galicia a máis de 70 asociacións e ten unha masa social de arredor de 10.000 mulleres, polo que somos a maior asociación de mulleres da comunidade”, salientou.

Xa nun campo máis práctico, Sofía abordou o programa de cooperativas rurais de servizos de proximidade que están apoiando desde Fademur e que se atopa no proceso de formación, pero xa tamén creando as primeiras asociacións de mulleres. “O proxecto comezou en maio de 2022 e ten previsto rematar en maio de 2025. Trátase de seis cursos de formación con certificado de profesionalidade, cinco dos cales son de atención sociosanitaria e un de cociña. Como resultado destas formacións estanse creando xa tres cooperativas lideradas por mulleres rurais”, destacou.

Segundo faladoiro da Xornada de Emprendemento para Repoboar o Rural celebrada na Fonsagrada o venres 26 de abril

Tomoulles a remuda Miguel Fernández Labrada, da Fundación TerrEo, que explicou que esta fundación municipal de Ribeira de Piquín, xurdiu no ano 2021 para intentar atoparlle solución aos problemas demográficos que ten o pobo, “cunha poboación inferior a 500 habitantes, menos de 20 rapaces menores de 18 anos e unha idade media de 60 anos”, así como para artellar solucións “para as instalacións abandonadas e os terreos sen actividade que foron quedando baleiros no concello precisamente por este contexto demográfico”, indicou.

Con estes fins, a Fundación TerrEo impulsou xa tres grandes proxectos. “O primeiro foi unha explotación extensiva de porco celta de 10 hectáreas totalmente automatizada e da que no 2023 xa se empezaron a vender as primeiras unidades. A segunda iniciativa é a piscifactoría de Santalla dedicada á troita, que xerou tres empregos e sirve xa a máis de 25 clientes, ademais dos particulares que se achegan para mercar directamente, empezando as vendas a comezos deste ano. E por último a fundación xestiona dúas hectáreas de kiwi e xa está solicitada a creación dun polígono agroforestal para a zona de Montefurado”, relatou.

As encargadas de pechar este faladoiro foron Sofía Sanesteban e María José Coira, que amosaron o funcionamento da Rede de Coworkings da Deputación da Coruña. Esta iniciativa, pioneira en Galicia, comezouse a xestar no ano 2019 no marco do Plan de Emprego Local e agora “agrupa a once coworkings, viveiros de empresas e espazos colaborativos de transformación agroalimentaria”, indicaron. Cunha implantación eminentemente rural, prestan servizos a nivel supramunicipal, están especializados en sectores estratéxicos e buscan “establecer mecanismos de coordinación e colaboración na prestación de servizos a empresas e persoas emprendedoras entre os distintos espazos que a conforman”, aseguraron.

O obxectivo desta rede de coworkings é “fomentar o traballo colaborativo a través do uso de espazos de traballo compartidos e apoiar a creación e consolidación de empresas na provincia da Coruña”, manifestaron.

Videoasistencia a maiores de 65 anos

A terceira mesa redonda da xornada, baixo a epígrafe ‘Oportunidades en servizos sociais innovadores’, estivo dedicada integramente á presentación da proba piloto que se vai desenvolver na Fonsagrada do proxecto de videoasistencia dirixido a maiores de 65 anos, en colaboración cos Servizos Sociais municipais. Jorge Caleya, da empresa Zwit Project, encargada de desenvolver esta iniciativa, foi o encargado de presentala.

Jorge Caleya, de Swit Project, presentando na Fonsagrada o proxecto de videoasistencia dirixido a maiores de 65 anos

Trátase dunha iniciativa pioneira a nivel estatal a través da que 30 usuarios dos Servizos Sociais da Fonsagrada recibirán unha tablet xa preparada e preconfigurada para facerlles máis accesibles diferentes servizos e empregar a tecnoloxía para mellorar a súa calidade de vida.

Esta solución tablet especialmente adaptada vailles permitir aos usuarios estar en contacto continuado coa súa axenda de contactos e cos traballadores sociais, achegándolles ademais servizos dixitais e facéndolles recordatorios como as medicacións que teñen que tomar ou as visitas ao médico.

Así mesmo, nesta proba piloto poñerase a proba tamén un asistente conversacional de voz con intelixencia artificial que está en desenvolvemento na Universidade de Vigo e que serve tamén para a detección temperá de problemas de ansiedade, depresión ou mesmo de deterioro cognitivo prematuro, así que axudará tamén á prevención de doenzas como o párkinson ou o alzhéimer.

Outro dos aspectos relevantes deste proxecto é que as tablets serán un escaparate para as empresas da zona, xerando un ecosistema de emprendemento e innovación baseado nos servizos ás persoas maiores. Os emprendedores e empresas locais que teñan algo que ofrecerlle a estas personas maiores de 65 anos poderán facelo a través destas tablets, que serán como unha especie de ponte ou ventá dixital onde os segundos expoñan os servizos que ofertan aos primeiros.

Vivendas e aluguer

Posteriormente foi tempo para dúas presentacións de proxectos que impulsan distintas administracións. Marco Antonio Fernández Piñeiro, do Instituto Galego de Vivenda e Solo da Xunta de Galicia, amosou as liñas mestras do Programa VI426E da Xunta, “no que se ofrece unha plataforma informativa onde ofertantes e demandantes poden ver as vivendas”, indicou. Este programa traballa en colaboración cos concellos e Fernández Piñeiro considera que “é unha vantaxe para eles, xa que favorece o incremento de vivendas dispoñibles para o alugueiro nos seus concellos”, afirmou.

Marcon Antonio Fernández Piñeiro, do Instituto Galego de Vivenda e Solo, presentou as liñas dos programas de axuda ao aluguer da Xunta.

As casas que chegan á plataforma son revisadas polos Servizos Sociais de cada concello adherido e teñen que cumprir uns mínimos de habitabilidade; estar en desuso, con algunha excepción; e que poidan ser empregadas ao non ter ningunha carga a nivel xudicial. Mentres, os ocupantes tamén teñen que cumprir unha serie de requisitos.

O seguinte en participar foi o deputado Pablo Rivera Capón, responsable da área de Promoción Económica e Social da Deputación de Lugo, que falou do programa de apoio aos alugueres do organismo provincial, que conta cun orzamento de máis de 200.000 euros e busca paliar a falta de vivendas poñendo en marcha unha bolsa delas para alugar. Este programa está en marcha e tamén falou sobre outro, baixo o nome ‘Y para vivir Lugo’, centrado nos concellos da Fonsagrada, O Valadouro e Xermade.

O deputado Pablo Rivera Capón xunto á xerente do GDR Montes e Vales Orientais, Fe Álvarez, durante a Xornada de Emprendemento para Repoboar o Rural celebrada o 26 de abril de 2024 na Fonsagrada

Plataforma Aldeas Vivas

A xornada, no tocante aos faladoiros, pechouse coa presentación da plataforma Aldeas Vivas. Lucía González, Paola C. Avella e Román Sánchez, os técnicos que desenvolveron esta iniciativa, puxeron sobre a mesa as súas liñas básicas, que buscan dar resposta á necesidade de vivendas, locais e terras de alugueiro para o asentamento de novos poboadores no territorio que abrangue o GDR Montes e Vales Orientais, ao tempo que se axuda á integración da poboación migrante que chegue. Con isto búscase “colaborar na substitución xeracional do sector agrario, que os mozos poidan levar a cabo o seu proxecto de vida sen ter que emigrar da súa comarca e promocionar o emprendemento e a creación de emprego local a partir dos novos nichos de mercado xerados pola transición dixital e ecolóxica da economía”, sinalaron.

Paola Condia e Román Sánchez presentaron a plataforma Aldeas Vivas na Xornada de Emprendemento para Repoboar o Rural celebrada o 26 de abril de 2024 na Fonsagrada

Para logralo, a plataforma dispón de varias ferramentas que permitirán ofertar e demandar recursos habitacionais e oportunidades laborais ou de emprendemento, establecer unha canle de contacto entre demandantes e ofertantes, así como dinamizar a práctica do alugueiro.

Comida networking na tenda da Asociación de Gandeiros da Fonsagrada (Asgafon) realizada con produtos de quilómetro cero dentro da Xornada de Emprendemento para Repoboar o Rural

Despois desta presentación, a actividade trasladouse á Tenda de Asgafon (a Asociación de Gandeiros da Fonsagrada), onde os participantes puideron gozar dunha comida networking con produtos de quilómetro cero. A xornada pechouse pola tarde cunha visita á Ernes, en Negueira de Muñiz, onde os que se desprazaron coñeceron a actividade que desenvolve a Cooperativa Ribeira do Navia (Ribeiregas) e tamén se achegaron á historia da comuna que se instalou décadas atrás na zona.

Visita á Cooperativa Ribeira do Navia (Ribeiregas) na aldea de Ernes (Negueira de Muñiz) durante a Xornada de Emprendemento para Repoboar o Rural celebrada na Fonsagrada o 26 de abril de 2024
Visita a aldea de Ernes (Negueira de Muñiz) durante a Xornada de Emprendemento para Repoboar o Rural celebrada na Fonsagrada o 26 de abril de 2024
Montes e Vales Orientais Territorio Intelixente Logos

A Fonsagrada acolle este venres 26 de abril a ‘Xornada de Promoción do Emprego para Repoboar o Rural’

A Casa do Concello da Fonsagrada acollerá o vindeiro venres 26 de abril unha serie de faladoiros, presentacións e actividades que conformarán a ‘Xornada de Promoción do Emprego para Repoboar o Rural’. Esta actividade está organizada polo Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) Montes e Vales Orientais e a Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP), dentro do marco do proxecto Montes e Vales Orientais Territorio Intelixente financiado pola Dirección General de Políticas Contra la Despoblación pertencente ao Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico do Gobierno de España.

A xornada contará cun abundante programa matutino e pecharase cunha comida e xa pola tarde coa visita ao proxecto agroecolóxico da Cooperativa Ribeira do Navia, en Negueira de Muñiz. A xornada, totalmente gratuíta para os que se animen a participar, abrirase ás 10 da mañá na Casa do Concello da Fonsagrada coa benvida e inauguración a cargo de Carlos López, presidente do GDR Montes e Vales Orientais e alcalde da Fonsagrada, e de Alberto López, presidente da FEGAMP e alcalde de Vilagarcía de Arousa.

Un cuarto de hora máis tarde, ás 10.15 horas, celebrarase o primeiro faladoiro, que estará centrada nas ‘Oportunidades de traballo no sector primario e agroalimentario’. Nela participarán representantes dos Obradoiros Compartidos de Brión, Adegueiros do Navia e da Indicación Xeográfica Protexida Terras do Navia, así como membros do Sindicato Labrego Galego, que falarán sobre distintos proxectos agroecolóxicos.

O segundo faladoiro será a partir das 11 horas e xirará en torno ás ‘Oportunidades de traballo impulsadas desde o sector asociativo e público’. Coa moderación de Patricia Vilán Lorenzo, asesora xurídica da FEGAMP, contarán a súa experiencia impulsando unha cooperativa de coidados persoais a domicilio representantes da Federación de Asociacións de Mulleres Rurais (Fademur); a Fundación TerrEo explicará como se poden aproveitar os recursos produtivos desde o sector público; e coñecerase a experiencia da rede de coworkings da Deputación da Coruña.

A terceira e última mesa redonda dará comezo ás 11.45 horas e terá como temática as ‘Oportunidades en servizos sociais innovadores’. Abordarase o Zwit Project de videoasistencia e presentarase a proba piloto do programa de videoasistencia que se está realizando xunto cos Servizos Sociais de A Fonsagrada no marco tamén do proxecto Montes e Vales Orientais Territorio Intelixente.

Aldeas Vivas

Tralas mesas redondas levaranse a cabo tres presentacións. A primeira, prevista para as 12.45 horas, será a do programa de mobilización de vivendas para aluguer (VI426E) da Xunta de Galicia; a segunda, a partir das 13.15 horas, será a do programa de apoio aos alugueres da Deputación de Lugo; e a terceira, desde as 13.45 horas, servirá para coñecer a ferramenta Aldeas Vivas que impulsan a FEGAMP e o GDR Montes e Vales Orientais, que é outra das liñas de traballo deste proxecto.

Ás 14.15 horas será a clausura institucional da xornada, aínda que despois haberá tempo, a partir das 14.30 horas, para unha comida networking con produtos de quilómetro cero da Asociación de Gandeiros da Fonsagrada (Asgafon) e posteriormente, a iso das 15.30 horas, aqueles participantes que o desexen poderán asistir en Ernes, en Negueira de Muñiz, a unha visita ao proxecto agroecolóxico da Cooperativa Ribeira do Navia e un achegamento á historia da Comuna que se asentou naquela zona.

Inscrición aberta e totalmente gratuíta

O prazo para anotarse nesta xornada permanecerá aberto ata o mércores día 24 ou ata que se complete o aforo da Casa do Concello da Fonsagrada. Todas as actividades da xornada, incluso a comida e a visita, serán gratuítas para todas aquelas persoas interesadas en participar. É preciso anotarse para a comida e para a visita a Ernes, xa que o transporte desde A Fonsagrada está incluído. A inscrición pode realizarse nesta ligazón. “Animamos á xente a que se inscriba porque de momento hai prazas, pero quen estea interesado que non tarde demasiado en facelo porque hai bastante demanda tanto para as mesas redondas, como para a comida networking e a visita a Negueira de Muñiz”, sinala a xerente do GDR Montes e Vales Orientais, Fe Álvarez.

Preto de 40 establecementos xa están certificados co selo ‘Cociña de Ancares Terras de Burón’

Responsables de establecementos hostaleiros e produtores do Xeodestino Ancares Terras de Burón reciben o selo que identifica aos seus negocios como membros oficiais da iniciativa 'Cociña de Ancares Terras de Burón'

Ao redor duns 40 establecementos e negocios do Xeodestino Ancares Terras de Burón recibiron xa o distintivo que os acredita como membros oficiais da iniciativa da ‘Cociña de Ancares Terras de Burón’.  Esta iniciativa abrangue os aloxamentos turísticos que contan cunha despensa onde teñen produtos locais a disposición dos visitantes;  a restaurantes e casas de comidas que ofrecen pratos elaborados con produtos de proximidade e a partir de receitas tradicionais da zona; e tamén aos obradoiros e puntos de venda dos produtores de alimentos do Xeodestino Ancares Terras de Burón.

Aquela veciñanza e visitantes que aposten por hospedarse nun destes negocios hostaleiros e levar algún destes artigos ou compralos nunha tenda que conte con este selo na súa entrada, saberán que van consumir un produto de proximidade e con todas as garantías de calidade, ao tempo que colaboran co desenvolvemento da economía local do territorio. Así o explica Fe Álvarez, xerente do GDR Montes e Vales Orientais. “O noso obxectivo coa ‘Cociña de Ancares Terras de Burón’ é potenciar a economía local buscando tender pontes entre produtores e establecementos para que os alimentos e bebidas que se producen no noso territorio se consuman tamén aquí e para a que a nosa gastronomía actúe como unha fantástica embaixadora turística do xeodestino”, salienta.

Un recuncho especial e saboroso

Un total de 15 establecementos xa teñen preparado un recuncho especial nas súas instalacións dedicado á ‘Despensa de Ancares Terras de Burón’, onde os seus hóspedes e visitantes poderán atopar e mercar distintos produtos pertencentes a dez produtores que xa se adheriron tamén a este proxecto. Os establecementos que xa recibiron o selo que os identifica como participantes son o Complexo O Piñeiral da Fonsagrada; Apartamentos Sons do Eo, bar O Recuncho d’Vane e A Marronda, en Baleira; Antollos do César, en Baralla; Hotel Os Ancares e Casa do Bico, en Becerreá; Casa O Crego e Cabañas de Ancares, en Cervantes; a Casa Grande de Láncara; Casa Suarna, Caserío Meiroi e Supermercados Embutidos Suarna, en Navia de Suarna; Casa Chaín, en Pol; e o Restaurante O Cebreiro, en Pedrafita de Cebreiro.

Recuncho da 'Despensa de Ancares Terras de Burón' dun dos negocios co selo 'Cociña de Ancares Terras de Burón'

Mentres, os produtores que xa están certificados e son participantes de pleno dereito neste clube de produto turístico son a Cooperativa A Carqueixa, a Asociación de Gandeiros da Fonsagrada (Asgafón), Mel Casa Príncipe, Mel ToxalRiba, O Retiro, Cervexas Píntega, Embutidos Suarna, Adega Sidrón, Ribeiregas e Mel Outurelos.

Estas últimas semanas, produtores e establecementos fixeron un esforzo para que estes recunchos xa estean dispoñibles nesta Semana Santa, unha das temporadas importantes a nivel turístico na zona, xa que son uns días nos que centos de visitantes apostan polos Ancares e as Terras de Burón para pasar o seu tempo de vacacións.

Casas de comidas onde desfrutar da gastronomía local

Na entrada dos restaurantes e casas de comidas dos 14 concellos nos que traballa o GDR Montes e Vales Orientais, xa se comezan a ver pendurados os selos de ‘Cociña de Ancares Terras De Burón’.

A día de hoxe son 18 os restaurantes e casas de comidas certificados. En Baleira, A Marronda, O Recuncho D’Vane, O Neireo e os Apartamentos Sons do Eo. Aqueles que se acheguen a Navia de Suarna poderán desfrutar das receitas certificadas na Casa de Chao, o Caserío Meiroi, o Café Bar Xegunde, no Restaurante A Escola e no Mesón Aarau. Na Fonsagrada certificáronse O Piñeiral e o Mesón Catro Ventos; en Becerreá os restaurantes Rivera e Boavista; mentres que A Lareira (As Nogais), Casa Sidrón (Negueira de Muñiz), Fonda Zarralleiro (Baralla), o Restaurante O Cebreiro (Pedrafita do Cebreiro) e a Casa Cazoleiro (Meira) completan un listado que está aberto a novas incorporacións.

Turismo sostible

Esta proposta tamén cumpre cunha das liñas de actuación máis importantes do GDR Montes e Vales Orientais, que non é outra que apostar por un turismo sostible. É importante recordar neste punto que o Xeodestino Ancares Terras de Burón foi o primeiro destino de ecoturismo da provincia de Lugo e o segundo de Galicia. “Buscamos un turismo responsable, que non dane os recursos naturais que temos, que respecte a biodeversidade do noso territorio e tamén axude a que medre a economía local”, conclúe Fe Álvarez.

A experiencia da primeira Ruta dos Fornos de Pol

Foto de grupo da primeira Ruta dos Fornos de Pol, celebrada o 3 de marzo de 2024

A primeira Ruta dos Fornos de Pol saldouse cun auténtico éxito de participación, xa que reuniu o pasado domingo 3 de marzo a 120 sendeiristas chegados de toda a provincia de Lugo que desfrutaron dun agradable paseo, recibiron unhas nocións básicas sobre o funcionamento dos fornos e como se fan o pan e as empanadas neles e ademais puideron degustar uns petiscos e gozar de música en cada parada. Organizada pola Asociación de Mulleres Rurais Olvido e Roteiros de Pol, contou coa colaboración do Grupo de Desenvolvemento Rural Montes e Vales Orientais, a Deputación de Lugo e o Concello de Pol. “Foi un éxito total porque tíñamos pensado contar con 80 persoas e ao final foron 120. Tivemos que facer máis tazas das que prevéramos e tamén máis folletos explicativos sobre os lugares que atravesamos”, salienta Lourdes Abuín, directiva do colectivo organizador e xerente da Casa Chaín de Pol.

Esta primeira ruta contou cunha distancia de 10 quilómetros e fixo parada en seis fornos. Arrincou ás dez da maña da Capela das Neves, que fixo honra ao seu nome “porque atopamos a capela nevada e alí foi onde tomamos un café e almorzamos para quentar un pouco o corpo”, rememora Abuín. O percorrido era dunha intensidade media-baixa polo que estaba dirixida a todos os públicos. De feito, destacou a participación de dúas nenas de cinco e sete anos de idade.

A pesar das inclemencias meteorolóxicas, a xente respondeu: “Tíñamos medo a que, como estaba chovendo e mesmo nevando, non viñeran, pero a xente veu con calzado e roupa axeitada, paraugas e outros complementos. Ademais contábamos cun par de coches de apoio”. Logo do almorzo dirixíronse ao forno de Bernabel, que era a primeira parada. Posteriormente visitaron os de Labrada, Pásaro, Neira, Mirón e o da Casa Chaín, onde remataba a ruta. “En cada sitio había xa preparado un petisco salvo nun onde había liscos, que se teñen que facer e comer no momento. No último tomamos o postre, que era un doce de biscoito de noces e brownie, cun café, fixemos unha foto de familia e demos por rematada esta primeira ruta dos fornos”, explica. Tamén degustaron empanada, bolas de queixo, chourizo e carne ao forno. Foron en total unhas 6 horas de andaina, aprendizaxe e comida que tamén estiveron acompañadas de música. “Estivo con nós o grupo Axeixo e en cada forno tocaba unhas pezas”.

Participantes de todas as idades

Os participantes eran veciños dos arredores. “Veu un bus cheo de Lugo e logo tivemos xente que veu pola súa conta da Pontenova, Meira, Pol,… Había persoas de todas as idades, desde esas dúas nenas pequenas a xente maior, duns 70 anos e sobre todo xente de mediana idade e moitas parellas de entre 40 e 50 anos”, lembra Lourdes Abuín. En canto ao que máis lles chamou a atención aos participantes, a xerente e propietaria de Casa Chain destaca que “pareceulles moi interesante a idea de facer unha ruta de sendeirismo polo monte e acabar nun forno comendo chourizo ou outras cousas e logo volver a botar a andar. E tamén preguntaban moito polo funcionamento dos fornos, a colocación das chemineas e os diferentes fornos tradicionais que hai. Creo que lles gustou e que valoraran o ben organizado que estaba todo”, salienta.

Obxectivo tamén turístico

Esta ruta e as que pensan facer no futuro teñen un dobre obxectivo. “Por un lado queremos resaltar os fornos e animar á xente a que os conserve e se volvan utilizar, porque sabemos que nas aldeas aínda quedan moitos en desuso e cada vez queda menos xente que coza neles. O obxectivo é poñer en valor esas construcións e que non se perdan, pero tamén entregamos uns folletos explicativos da etnografía dos lugares polos que pasamos, xa que tamén queremos que teña un fin turístico e que se vexa a riqueza dos pobos nos que están os fornos”, destaca.

A Asociación de Mulleres Rurais Olvido e Roteiros de Pol xa traballa en novas rutas. “Queremos que isto teña continuidade e visitar máis fornos. Nesta ocasión tocamos tres parroquias, pero xa estamos falando con persoas doutras que teñen forno e cocen. Seguramente en poucas semanas levaremos a cabo a segunda ruta”, avanza. Coa primeira andaina colaboraron a Área de Cultura da Vicepresidencia da Deputación, “que nos axudou coa música”, o Concello de Pol, “que se encargou das tazas que entregamos a cada participante para beber nos fornos”, e desde o GDR Montes e Vales Orientais, a través do proxecto ‘Cociña de Ancares Terras de Burón’ démoslle visibilidade á iniciativa e encargámonos da impresión dos folletos explicativos sobre a ruta que se repartiron.

Cursos para aprender a facer pan

A aposta de Lourdes Abuín pola recuperación dos fornos tradicionais é total, xa que no seu propio establecemento turístico organiza desde hai uns meses cursos de amasado e de facer pan. “Temos cursos unha ou dúas veces ao mes e están tendo moi boa acollida. Empezamos o ano pasado e xa imos polo quinto. Facemos un curso que engloba todo o proceso, empezando ás dez da mañá co amasado e logo acabando aló polas cinco da tarde cando sae listo do forno. Polo medio, unha vez que está todo o pan metido no forno e mentres esperamos, sentámonos e facemos un pouco de grupo degustando algún produto tradicional que se comía antigamente nas aldeas como os faragullos ou o caldo de restrido, unhas comidas que tamén me gustaría que se recuperasen. A iso das cinco da tarde quitamos as cousas do forno e a empanada probámola e comémola tamén alí entre todos, mentres que o pan repartímolo para levar”, sinala. A maiores, está preparando uns cursos máis orientados aos nenos e nenas.

Para levar a cabo estes cursos, Lourdes rehabilitou por completo o forno da súa casa. “Quero realmente que se volva facer pan como antes e animo a todo o mundo a apuntarse porque pasámolo realmente ben. Dáme unha alegría enorme que a xente veña, queira recuperar o modo tradicional de recuperar o pan e logo se faga unha festa. A verdade é que sempre o pasamos moi ben”, conclúe.

Guía práctica para compensar a pegada de carbono

Plantación de árbores da Asociación Corripa en Pena da Nogueira para compensar a pegada de carbono xerada polas terceiras Xornadas de Ciencia na Aldea

A Asociación Corripa levou a cabo o pasado mes de novembro unha plantación de árbores coa que quixo compensar a pegada de carbono producida polas Xornadas de Ciencia na Aldea celebradas no mes de abril previo. Desde o colectivo están moi concienciados con esta problemática e saben que organizar unhas xornadas destas características supón unha serie de desprazamentos en coche de moitas persoas que acaban xerando un impacto no planeta. Desde a organización de Ciencia na Aldea, calcularon a pegada de carbono xerada e puxéronlle remedio cunha plantación de árbores en Pena da Nogueira aberta aos seus socios, colaboradores e a calquera persoa interesada.

Autor: Juanjo Arrojo (Asociación Corripa)

Ademais, desenvolveron nun documento esta guía práctica que lles pode servir como referencia a outras asociacións, colectivos ou organismos para levar a cabo estes cálculos e facelos dun xeito rápido e eficaz. Así mesmo, inclúe recomendacións á hora de executar a plantación de árbores.

A guía expón catro fases ou pasos principais para calcular esta pegada:

Información sobre a cantidade de emisións

O primeiro é obter a información da cantidade de emisións que se puideron xerar, onde entran dous factores principais. O que ten que ver coa viaxe dos participantes ata o lugar no que se desenvolva o evento. En función de se chegaron nun medio de transporte privado ou público ou se viaxaron en coche, bus, tren ou avión, a pegada será inferior ou superior. Tamén é fundamental coñecer a orixe de cada participante para calcular os quilómetros que tivo que acometer en cada medio de transporte. A outra cuestión ten que ver coas emisións por electricidade. Neste punto o máis básico é coñecer canta enerxía eléctrica se consumiu durante o evento e cal foi a orixe da xeración da mesma. 

Cálculo das emisións

Cos datos anteriores recompilados chega o momento de pasar ao seguinte paso que é o cálculo das emisións, no que contarán coa axuda dunha plantilla Excel.

Na guía tamén se expoñen unha serie de recomendacións para reducir as emisións xeradas durante o evento como promover o uso de transporte público, recordar a posibilidade de compartir un vehículo privado ou de alugar un vehículo eléctrico ou calquera outra opción que conleve o consumo de menos combustible, así como evitar os desprazamentos en avión, salvo que sexan totalmente indispensables. No tocante á electricidade, é importante valorar a posibilidade de utilizar iluminación ou equipos máis eficientes ou valorar a posibilidade de contratar enerxía eléctrica con certificado de orixe renovable, entre outras cuestións.

Cálculo das absorcións

O terceiro e penúltimo punto ten que ver co cálculo das absorcións. Cada especie arbórea ten un factor de absorción diferente e grazas a unha listaxe de especies podemos coñecer as emisións totais que se poden compensar durante 30 anos, tempo que se marca como referencia para o cálculo. Ao ir engadindo a cantidade de plantas de cada especie que se van a empregar na plantación, as emisións compensadas van subindo ata conseguir igualar ou superar as xeradas polo evento.

Recoméndase empregar especies autóctonas da zona e é preciso analizar o tipo de chan onde se van plantar, orientación, uso actual ou entorno inmediato, características claves para que a plantación chegue a bo porto. Na guía expóñense outras cuestións que poden axudar a conseguir a mellor plantación posible.

Plantación das árbores

Finalmente, o cuarto e último paso ten que ver coa propia plantación das árbores. A recomendación é intentar contar coa planta máis axeitada para o lugar, o permiso do propietario do terreo e conseguir todas aquelas autorizacións necesarias para executala, se estivese dentro dun monte de utilidade pública ou dun espazo protexido. Á hora de realizar a plantación plantexan contar con persoal cualificado ou realizalada no marco dunha xornada de voluntariado. Neste último caso terán que contar cos seguros necesarios e aportarlles o material preciso.

Xornadas de degustación do Cocido da Montaña

Xornadas Cocido da Montaña

Este mes de febreiro, como non pode ser doutro xeito, pola montaña estamos adicados de pleno a preparar (e probar) cocido, butelos e androllas. Coma cada ano, empezamos ca Feira do Butelo da Fonsagrada (3 e 4 de febreiro) e collemos impulso coa Festa da Androlla de Navia de Suarna (11 de febreiro). Pero este ano, incorporamos ao calendario as Xornadas de Degustación do Cocido da Montaña; durante todo o Entroido poderá degustarse o Cocido da Montaña en varios restaurantes e casas de comida de todo o territorio e o 13 de febreiro, coincidindo co martes de Entroido, haberá unha gran degustación en Baleira.

Xornada Degustación Cocido da Montaña en Baleira

O pavillón municipal de Baleira prepárase para a gran Degustación do Cocido da Montaña cunha xornada de festa con actividades gastronómicas, música, sorteos e desfile de disfraces de Entroido.

As 13.45 horas abrirase o pavillón para as persoas que teñan entrada para a degustación. O prezo é de 15€ por persoa e inclúe o xantar, con cocido tradicional da zona, a bebida e unha sobremesa de doces típicos de Entroido. As entradas para a degustación poden mercarse de xeito anticipado nos seguintes establecementos que forman parte da Asociación de Hostalaría de Baleira: A Marronda, O Moneda, O Neireo e O Recuncho de Vane.

Ás 17.30 horas, unha vez rematada a degustación, a entrada ao pavillón será libre, e todas as persoas que se acheguen poderán participar no desfile de disfraces e desfrutar da música e a festa toda a tarde. Ao final deste artigo deixamos os carteis informativos do evento, onde podes atopar toda a información.

Degustacións en todo o territorio

Durante todo o Entroido, os restaurantes e casas de comidas dos 14 concellos que forman o noso territorio, estarán ofrecendo pratos de Cocido da Montaña. En canto teñamos confirmación, iremos subindo os establecementos e as localizacións onde podes degustar o cocido certificado de Cociña de Ancares Terras de Burón, con ingredientes da montaña certificados.

Restaurantes confirmados

Establecementos que ofrecerán Cocido da Montaña aos seus clientes durante o Entroido:

Tes un restaurante ou casa de comidas no territorio e queres sumarte a esta iniciativa? Ponte en contacto con nós no teléfono 659 275 743.

Produtores certificados

Ademais dos restaurantes e casas de comidas, descubre os produtores certificados co selo de ‘Cociña de Ancares Terras de Burón’:

Pasaporte Gastronómico

Tanto na Feira do Butelo da Fonsagrada, como na Festa da Androlla de Navia de Suarna, poderase selar o Pasaporte Gastronómico do Xeodestino Ancares Terras de Burón. Con cada selo, participa en saborosos sorteos. Non deixes de achegarte ao posto do Pasaporte Gastronómico e pedir o teu!

Presentada en Fitur a campaña ‘Déixate Marabillar polo Xeodestino Ancares Terras de Burón’

Mural da campaña 'Déixate Marabillar polo Xeodestino Ancares Terras de Burón'

Na tarde deste xoves 25 de xaneiro presentamos no stand de Galicia en FITUR (Feira Internacional de Turismo) a campaña ‘Déixate Marabillar’, a proposta turística do Xeodestino para este 2024 coa que buscamos que os visitantes coñezan o noso territorio a través dunha serie de oito experiencias. O emprendedor local Carlos Díaz, que vén de crear a primeira axencia turística do territorio, Naviaventours, e o alcalde da Pontenova, Darío Campos, foron os encargados de conducir unha presentación que tamén incluíu un vídeo promocional sobre o Grupo de Desenvolvemento Rural Montes e Vales Orientais e o Xeodestino.

‘Deixate Marabillar’ ofrece a posibilidade de coñecer un Xeodestino integrado por 14 concellos da área da Montaña de Lugo a través da realización de experiencias que van desde aprender todo o proceso de elaboración do pan ou dos viños da Indicación Xeográfica Protexida Terras do Navia ata realización de distintos roteiros, xa sexa a pé, en bicicleta, en coche ou mesmo a cabalo.

Aqueles que se decidan a deixarse marabillar polo noso xeodestino coñecerán un territorio cunha beleza natural impresionante e cunha historia a nivel patrimonial, arquitectónico, cultural e etnográfico que pouco a pouco se está recuperando e dando o valor que ten. Así mesmo, poderán recorrer o xeodestino seguindo os pasos de todas as películas que se rodaron nas últimas décadas neste territorio, desde a máis recoñecida recentemente ‘O que arde’, de Óliver Laxe, ata outras más antigas como ‘A los que aman’, de Isabel Coixet, pasando por filmes como ‘Romasanta’ ou ‘Vilamor’.

Agasallo de produtos locais

A posta de largo de ‘Déixate Marabillar’ completouse cun agasallo da ‘Cociña de Ancares Terras de Burón’ para que todos os asistentes coñezan de primeira man os produtos locais que forman parte desta iniciativa gastronómica e tamén de ‘A Despensa de Ancares Terras de Burón’. Concretamente, recibiron un tarro de mel multifloral de Toxal Riba (Navia de Suarna) e un código desconto para empregar nas tendas en liña de A Carqueixa (Cervantes) e Son de Lugo (A Fonsagrada).

Ecoturismo como estratexia

A xerente do GDR Montes e Vales Orientais, Fe Álvarez, tamén asistiu á presentación e remarcou a filosofía coa que estamos traballando para a promoción do xeodestino. “Continuamos na nosa liña de apostar por experiencias de ecoturismo, tecendo lazos de colaboración para xerar propostas turísticas sostibles e de calidade que teñan dous pilares fundamentais como son o territorio e as persoas que viven nel”, sinalou Álvarez.

Así mesmo afirmou que “a nosa idea é ofrecer experiencias nos nosos espazos protexidos e naturais conseguindo que os que nos visitan tamén colaboren no desenvolvemento da cultura e a economía local, así como na conservación da natureza e a biodiversidade do territorio”, afirmou desde o stand de Galicia en FITUR.

É importante recordar que os 14 municipios que conforman este Xeodestino Ancares Terras de Burón suman case a metade da superficie Red Natura 2000 de toda a provincia e albergan tres das sete Reservas da Biosfera recoñecidas en Galicia.

Pasaporte Gastronómico

Fe Álvarez tamén sinalou que este ano apostaremos de novo polo ‘Pasaporte Gastronómico’, unha iniciativa que comezou en 2023 e que serve para dinamizar con actividades e sorteos 14 feiras e festas gastronómicas que se celebran no territorio. En cada un destes eventos, os viaxeiros poderán selar o seu pasaporte e rexistralo na web do Xeodestino para así poder entrar no sorteo dos premios que haberá en cada feira.

O calendario deste ‘Pasaporte Gastronómico Ancares Terras de Burón’ arrincará os días 3 e 4 de febreiro coa Feira do Butelo da Fonsagrada e poderá consultarse completo proximamente na web www.do Xeodestino.

‘A Despensa de Ancares Terras de Burón’, protagonista dunha feira en Navia de Suarna

Feira de presentación e degustación de 'A Despensa de Ancares Terras de Burón' celebrada na Casa do Chao, en Navia de Suarna

A Casa do Chao, en Navia de Suarna, acolleu o martes 16 de xaneiro unha feira para seguir achegando aos establecementos turísticos da zona a iniciativa de ‘A Despensa de Ancares Terras de Burón’. O evento estivo organizado polo Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) Montes e Vales Orientais, en colaboración co Polo de Emprendemento e Apoio ao Emprego da Montaña, e estaba dirixido aos produtores agroalimentarios do territorio e responsables de establecementos turísticos, así como a persoas emprendedoras que puideran estar interesados en participar na iniciativa “Cociña de Ancares Terras de Burón”, empresas, entidades do eido turístico, responsables institucionais e prensa.

A feira foi unha nova xornada de traballo coa que dar a coñecer ‘A Despensa de Ancares Terras de Burón’, unha iniciativa que pretende tender pontes e xerar sinerxias entre o sector turístico e o agroalimentario para tecer unha rede colaborativa e así conseguir incorporar os alimentos e produtos que se producen na zona, tales como pratos xa cociñados, conservas, embutidos ou bebidas, aos establecementos turísticos que non dispoñen de cociña nas súas instalacións. Desta maneira, os visitantes que se hospeden nos locais do territorio que abarca o Xeodestino Ancares Terras de Burón, poden coñecer e acceder a distintos produtos de proximidade.

Nesta ocasión, diferentes produtores que xa forman parte de ‘A Despensa de Ancares Terras de Burón’ fixeron unha exposición e degustación dos seus produtos e explicaron que e como se produce no territorio, coa finalidade de seguir sumando empresas á iniciativa.

A feira, que deu comezo ás 12 do mediodía, contou co seguinte programa:

  • 12h. Recepción e benvida de participantes
  • 12.20h. Presentación dos traballos realizados no marco da iniciativa ‘A Despensa de Ancares Terras de Burón’, o estado actual do proxecto e as liñas de futuro. Esta presentación levarona a cabo Iván Sánchez, técnico do Polo de Emprendemento e Apoio ao Emprego da Montaña e Fe Álvarez, xerente do GDR3 – Montes e Vales Orientais.
  • 12.40h. Reflexións sobre boas prácticas de colaboración entre axentes do territorio, emprendemento feminino e igualdade. Participaron Sandra Vázquez, Secretaria Xeral de Igualdade da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade; Margarita Ardao, Directora Xeral de Emprendemento da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade e a chef Lucía Freitas, que presentou o proxecto “Amas da Terra”.
  • 13h. Exposición e degustación de produtos de ‘Cociña de Ancares Terras de Burón’. Networking entre participantes.
  • 14h. Peche da xornada.