A primeira das tres xornadas de traballo dirixidas a rematar de deseñar os primeiros proxectos piloto de ‘A Despensa de Ancares-Terras de Burón’ foi un auténtico éxito de participación.
A Casa do Concello de Baleira reuniu na tarde do xoves 28 de setembro a dúas decenas de hostaleiros e produtores do territorio interesados en participar nesta iniciativa que impulsamos o Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) Montes e Vales Orientais en colaboración co Polo de Emprendemento e Apoio ao Emprego dá Montaña.
O seu obxectivo é tender pontes entre o sector turístico e o agroalimentario para tecer unha rede colaborativa e incorporar os alimentos que se producen na zona, tales como pratos xa cociñados, conservas, embutidos ou bebidas, aos establecementos turísticos que non dispoñen de cociña nas súas instalacións.
Os participantes na xornada celebrada en Baleira intercambiaron os seus puntos de vista e as súas necesidades nunha cita moi enriquecedora para hostaleiros e produtores. Fe Álvarez, xerente do GDR, valora moi positivamente a resposta dos dous sectores. “A xente amosouse moi interesada neste proxecto e atopámonos cun grupo fantástico, traballador e moi colaborador. Grazas á boa disposición dos participantes, avanzouse moito neste proxecto novo. Hai que ser conscientes de que leva tempo botalo a andar, pero creo que estamos no camiño correcto”, explica.
Nunha sesión de traballo que se alongou varias horas e na que xa se planificou unha nova reunión para dentro de tres semanas, hostaleiros, produtores e organizadores desenvolveron varios puntos. Houbo unha primeira parte a nivel técnico e logo foi a quenda de escoitar as aportacións das persoas asistentes.
Traballouse moito na cuestión de como se debe levar a cabo a loxística desta iniciativa a nivel organizativo, buscando solucións a problemas como a dispersión xeográfica ou a xestión de produtos perecedeiros. Así mesmo, falouse do expositor de ‘A Despensa de Ancares-Terras de Burón’. É dicir, dos deseños que se van facer para sinalar en cada establecemento hostaleiro o recuncho físico no que van estar, por unha banda, os produtos non perecedoiros (viño, cervexa, mel, marmeladas etc.) e, pola outra, o frigorífico no que estarán os produtos xa cociñados. A loxística e o empreazamento dos produtos nos establecementos, son puntos clave para seguir avanzando.
Esta acción enmárcase nunha das liñas estratéxicas para o noso GDR, no que tamén xestionamos o Xeodestino Ancares – Terras de Burón: ligar gastronomía e territorio. Así, os produtos de ‘A Despensa de Ancares – Terras de Burón’ poden ir acompañados dunhas fichas que conten a historia do territorio para así darlle valor ao mesmo.
Iniciativa aínda aberta a incorporacións
Desde o GDR Montes e Vales Orientais recalcamos que este iniciativa aínda segue aberta para que máis hostaleiros e produtores locais se sumen á mesma. “Estamos moi contentos porque a convocatoria foi un éxito e xa temos apuntados no proxecto a 23 hostaleiros interesados e tamén a moitos produtores como a Cooperativa A Carqueixa, a Asociación de Gandeiros da Fonsagrada (Asgafon), Ribeiregas, varios apicultores e distintas adegas vitivinícolas asentadas no territorio. Así mesmo, animamos a que se unan máis casas de turismo rural, xa que hai produtos moi interesantes que poden contribuír co seu negocio”, conclúe Fe Álvarez.