Desde o GDR Montes e Vales Orientais estamos moi satisfeitos co desenvolvemento do ‘Concurso Pintameles 2023’, xa que consideramos que foi un auténtico éxito de participación. É por iso que queremos amosar o noso agradecemento a todos os colexios que participaron nesta edición pertencentes aos concellos de Baleira, Becerreá, A Fonsagrada, Meira, Navia de Suarna, Pedrafita e A Pontenova. Estamos moi contentos coa implicación que demostraron os colexios, na figura dos seus mestres, e, sobre todo, o propio alumnado.
Deseños numerosos e de gran calidade
Durante a fase de recollida de propostas para ser o cartel oficial da Feira do Mel da Montaña deste ano recibíronse 205 deseños realizados polos nenos e nenas da zona, unha cifra espectacular que fala moi ben da importancia que ten este evento na contorna. Ademais, o xurado tivo un traballo moi difícil á hora de decidir cales debían ser os finalistas, dado que nesta edición houbo moita calidade nos debuxos e o alumnado da montaña demostrou unha vez máis que coñece a apicultura tradicional que se practica na zona.
Exposición no certame
A gañadora do concurso foi Carlota López Rego, alumna do Ceip Plurilingüe Santa María, de A Fonsagrada, a quen felicitamos desde o GDR. O seu deseño foi o que puidemos ver no cartel desta edición da feira, mentres que o resto de debuxos foron expostos no recinto no que se celebrou o certame de exaltación do mel local en Baleira.