O Centro Comarcal de Innovación, Emprendemento e Participación Social (CIEPS), unha infraestutura de recursos humanos creada polo Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) Montes e Vales Orientais en colaboración coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), continúa levando a cabo distintos proxectos que serven para cohesionar o territorio, loitar contra o despoboamento e tecer redes entre os habitantes dos 14 municipios que compoñen o ámbito de actuación do GDR. Paola C. Avella, unha nova poboadora do territorio que chegou hai catro anos desde a súa Colombia natal, desenvolve a labor de técnica en intervención social do CIEPS desde o mes de abril. Ela cóntanos en que proxectos andan inmersos e como están respondendo os veciños e veciñas da zona ás moitas iniciativas que están levando a cabo na actualidade.
– Primeiro fálanos un pouco de ti. Cando chegache á Montaña e desde cando traballas no CIEPS?
– Pois eu procedo de Colombia e levo xa algo máis de catro anos aquí. En abril comecei a traballar no CIEPS e creo que foi un paso importante para min porque está sendo unha moi boa oportunidade para retomar a miña vida profesional.
– O cambio entre Colombia e a montaña lucense imaxino que é moi grande?
– Si, supón un cambio practicamente a todos os niveis: cultura, clima, etc. Agora xa estou adaptada e síntome mellor que ao principio, pero é un proceso que segue en marcha. Traballar no CIEPS permitiume coñecer o territorio, tamén a máis persoas e, sobre todo, a cultura e as costumes da zona. Digamos que o traballo axudoume a facer unha inmersión.
– Falemos do CIEPS. Que funcións ten?
– Digamos que ten tres patas. A primeira é o Centro de Innovación e Emprendemento, onde se apoia a aquelas persoas que queren montar un negocio na súa aposta emprendedora. A outra pata é a de novos poboadores, onde xestionamos un banco de vivendas e negocios agrupado na plataforma Aldeas Vivas, que é unha páxina web que permite reunir todas esas opcións e permite que as persoas poidan ver que recursos hai dispoñibles no territorio. É dicir, que casas están de aluguer e que negocios se poden comprar ou tamén alugar. Hai bastante movemento e o obxectivo con esta iniciativa é atraer novos poboadores porque a maioría de concellos do territorio están en risco alto ou mesmo extremo de despoboación. Contamos con moita poboación maior e non hai relevo xeracional para os traballos, así que esta parte do proxecto está enfocada a atraer a persoas que queiran facer do rural o seu medio de vida.
A terceira pata é a videoasistencia para maiores de 65 anos, que é unha iniciativa na que estamos desenvolvendo un proxecto piloto. Estámoslle ensinando ás persoas maiores a interactuar cuns dispositivos electrónicos configurados especialmente para elas. Trátase dunhas tablets coas que estamos levando a cabo unhas sesións de aproximación e aprendizaxe para que poidan coñecer un pouco máis o tema dixital. Seleccionamos tres concellos (Ribeira de Piquín, A Fonsagrada e Becerreá) e un grupo de persoas que quixeran formar parte do proxecto piloto e probar como se senten coa tablet e se lles gusta ou non. Fixemos xa dúas sesións en cada un destes municipios e creo que está sendo un éxito total porque os usuarios están encantados coa tablet.
“O CIEPS divídese en tres patas. Unha primera de apoio ao emprendemento, unha segunda que busca loitar contra o despoboamento e unha última que trata de axudarlle aos maiores de 65 anos a través da videoasistencia cun dispositivo electrónico especial”
– Pódese establecer un perfil de usuarios dos proxectos que impulsa o CIEPS?
– Estamos tendo moita máis interacción coas mulleres grazas á Rede de Mulleres. Tamén participan homes, pero digamos que a maioría son mulleres, salvo na viodeoasistencia para maiores de 65 anos, onde participan homes e mulleres por igual. Pero, por exemplo, no último obradoiro de marmelada que fixemos en Pol só houbo un home. Esta Rede de Mulleres é unha iniciativa interxeracional, xa que temos mulleres moi novas, adultas e xa maiores, e está servindo para integrar a moita xente, xa que participan persoas que pertencen a asociacións, pero tamén outras que o fan a título particular.
– A Rede de Mulleres tamén está funcionando moi ben, non si?
– Si, moi ben. A min permitiume coñecer a moitas mulleres emprendendoras e con moito talento en diferentes áreas. Mulleres con moito talento que se cadra estaban un pouco invisibles, illadas, pero coas sinerxias que se fan con esta rede xuntámonos, visibilizámonos e vaise integrando a todo o mundo pouco a pouco.
– Como avanza a plataforma de Aldeas Vivas?
– Con Aldeas Vivas temos dúas vertentes. Por unha banda están os convenios que asinamos con distintas asociacións do territorio que nos están axudando a xestionar recursos, captar vivendas, empregos, terras e todo o que se poida axustar á iniciativa. Fixemos un traballo coas asociacións e varias delas están desenvolvendo propostas como encontros, espazos de reflexión ou de promoción do rural onde se visibiliza o rural desde as oportunidades que se presentan. Estas asocacións están axudando moito, pero tamén hai outra vertente autónoma, onde calquera persoa pode entrar na web, rexistrarse e dar de alta un recurso e poñelo de maneira visible para venda, aluguer, etc. Son máis de 30 as persoas inscritas xa en Aldeas Vivas, tanto nacionais como doutros latitudes que están interesadas en vir vivir a Galicia ou emprender no rural. Temos contactos de persoas de España, que nun 70% proceden sobre todo de Barcelona, Madrid, Sevilla ou doutras provincias galegas, e logo tamén contactou bastante xente do estranxeiro. A través da plataforma observamos que teñen interese en comprar, emprender ou buscar traballo persoas de Bolivia, Venezuela, Colombia, Arxentina, Estados Unidos ou Italia, entre outros países.
– Que buscan cos obradoiros que se organizan por todo o territorio?
– Sobre todo queremos visibilizar e promocionar o talento das mulleres e das persoas que se asentan nesta zona. Para iso estamos desenvolvendo todos estes espazos con temas de aproveitamento de recursos do territorio, sexan obradoiros sobre plantas medicinais, plantas en xeral, materiais ou excedentes da horta. Vemos que se tratan moitas cousas que a veces as persoas non saben facer, pero que outros souberon aproveitar moi ben ao longo de décadas este tipo de excedentes e empregábanos para beneficio propio facendo xabón, ungüentos, medicinas, preparados ou conservas. Parte do meu traballo durante estes seis meses foi atopar a esas persoas talentosas e coordinar os obradoiros ao longo dos 14 concellos que forman parte do ámbito do GDR Montes e Vales Orientais. Neste tempo xa fixemos sete e foron un éxito total de participación porque obradoiro que publicamos, obradoiro no que se cobren as prazas. Creo que este tipo de actividades espertaron un interese grandísimo porque a xente atópaas útiles para a súa vida, para o fogar ou para as súas hortas.