Ao redor duns 40 establecementos e negocios do Xeodestino Ancares Terras de Burón recibiron xa o distintivo que os acredita como membros oficiais da iniciativa da ‘Cociña de Ancares Terras de Burón’. Esta iniciativa abrangue os aloxamentos turísticos que contan cunha despensa onde teñen produtos locais a disposición dos visitantes; a restaurantes e casas de comidas que ofrecen pratos elaborados con produtos de proximidade e a partir de receitas tradicionais da zona; e tamén aos obradoiros e puntos de venda dos produtores de alimentos do Xeodestino Ancares Terras de Burón.
Aquela veciñanza e visitantes que aposten por hospedarse nun destes negocios hostaleiros e levar algún destes artigos ou compralos nunha tenda que conte con este selo na súa entrada, saberán que van consumir un produto de proximidade e con todas as garantías de calidade, ao tempo que colaboran co desenvolvemento da economía local do territorio. Así o explica Fe Álvarez, xerente do GDR Montes e Vales Orientais. “O noso obxectivo coa ‘Cociña de Ancares Terras de Burón’ é potenciar a economía local buscando tender pontes entre produtores e establecementos para que os alimentos e bebidas que se producen no noso territorio se consuman tamén aquí e para a que a nosa gastronomía actúe como unha fantástica embaixadora turística do xeodestino”, salienta.
Un recuncho especial e saboroso
Un total de 15 establecementos xa teñen preparado un recuncho especial nas súas instalacións dedicado á ‘Despensa de Ancares Terras de Burón’, onde os seus hóspedes e visitantes poderán atopar e mercar distintos produtos pertencentes a dez produtores que xa se adheriron tamén a este proxecto. Os establecementos que xa recibiron o selo que os identifica como participantes son o Complexo O Piñeiral da Fonsagrada; Apartamentos Sons do Eo, bar O Recuncho d’Vane e A Marronda, en Baleira; Antollos do César, en Baralla; Hotel Os Ancares e Casa do Bico, en Becerreá; Casa O Crego e Cabañas de Ancares, en Cervantes; a Casa Grande de Láncara; Casa Suarna, Caserío Meiroi e Supermercados Embutidos Suarna, en Navia de Suarna; Casa Chaín, en Pol; e o Restaurante O Cebreiro, en Pedrafita de Cebreiro.
Mentres, os produtores que xa están certificados e son participantes de pleno dereito neste clube de produto turístico son a Cooperativa A Carqueixa, a Asociación de Gandeiros da Fonsagrada (Asgafón), Mel Casa Príncipe, Mel ToxalRiba, O Retiro, Cervexas Píntega, Embutidos Suarna, Adega Sidrón, Ribeiregas e Mel Outurelos.
Estas últimas semanas, produtores e establecementos fixeron un esforzo para que estes recunchos xa estean dispoñibles nesta Semana Santa, unha das temporadas importantes a nivel turístico na zona, xa que son uns días nos que centos de visitantes apostan polos Ancares e as Terras de Burón para pasar o seu tempo de vacacións.
Casas de comidas onde desfrutar da gastronomía local
Na entrada dos restaurantes e casas de comidas dos 14 concellos nos que traballa o GDR Montes e Vales Orientais, xa se comezan a ver pendurados os selos de ‘Cociña de Ancares Terras De Burón’.
A día de hoxe son 18 os restaurantes e casas de comidas certificados. En Baleira, A Marronda, O Recuncho D’Vane, O Neireo e os Apartamentos Sons do Eo. Aqueles que se acheguen a Navia de Suarna poderán desfrutar das receitas certificadas na Casa de Chao, o Caserío Meiroi, o Café Bar Xegunde, no Restaurante A Escola e no Mesón Aarau. Na Fonsagrada certificáronse O Piñeiral e o Mesón Catro Ventos; en Becerreá os restaurantes Rivera e Boavista; mentres que A Lareira (As Nogais), Casa Sidrón (Negueira de Muñiz), Fonda Zarralleiro (Baralla), o Restaurante O Cebreiro (Pedrafita do Cebreiro) e a Casa Cazoleiro (Meira) completan un listado que está aberto a novas incorporacións.
Turismo sostible
Esta proposta tamén cumpre cunha das liñas de actuación máis importantes do GDR Montes e Vales Orientais, que non é outra que apostar por un turismo sostible. É importante recordar neste punto que o Xeodestino Ancares Terras de Burón foi o primeiro destino de ecoturismo da provincia de Lugo e o segundo de Galicia. “Buscamos un turismo responsable, que non dane os recursos naturais que temos, que respecte a biodeversidade do noso territorio e tamén axude a que medre a economía local”, conclúe Fe Álvarez.