Desde o GDR Montes e Vales Orientais estamos colaborando na organización do maratón de emprendemento Revolta Rural! que terá lugar os días 19 e 20 de maio en As Pontes de García Rodríguez.
Este maratón de emprendemento ten como obxectivo impulsar ideas de emprendemento no rural e concretamente nos territorios onde traballamos os tres GDR que participamos: Terras de Miranda, Seitura 22 e Montes e Vales Orientais. Ademais conta coa colaboración de Rural Talent, CaixaBank e a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, entre outras entidades.
A través de iniciativas coma esta queremos apoiar o emprendemento nas nosas comarcas, favorecer a creación de emprego, fixar poboación no territorio e potencias a cultura emprendedora.
QUE É UN MARATÓN RURAL?
Durante dúas xornadas, reunirémonos persoas emprendedoras, empresas de referencia, persoas expertas en diferentes ámbitos (tecnoloxía, validación de ideas, marketing, comercialización…) para traballar de forma conxunta en solucións aos 6 retos que lanzamos os tres Grupos de Desenvolvemento Rural que participamos.
Os proxectos ou ideas seleccionadas para participar neste maratón terán que presentar a súa idea de negocio en formato «pitch» o sábado 20 de maio ante un xurado que realizará unha valoración das mesmas atendendo a criterios como: innovación, viabilidade económica, creación de emprego, recursos do territorio ou a propia exposición da idea.
Apoiarase aos proxectos gañadores con tres premios por cada GDR. No caso dos proxectos que teñan como ámbito de actuación o GDR Montes e Vales Orientais os premios serán os seguintes:
- Primeiro premio – 2.500€ en metálico e 20 horas de mentoría.
- Segundo premio – 1.500€ en metálico e 20 horas de mentoría.
- Terceiro premio – 500€ en metálico e 10 horas de mentoría.
Ademais, os proxectos seleccionados incorporaranse a un proceso de incubación de proxectos de emprendemento rural de ata seis meses da man de Rural Talent e CaixaBank.
QUEN PODE PARTICIPAR?
Poden apuntarse a este maratón:
- Persoas que queiran emprender un proxecto no noso territorio.
- Empresas do noso territorio que queiran desenvolver novas liñas de negocio, que teñan unha facturación inferior a 150.000 euros e data de constitución inferior a tres anos.
Nos dous casos, é preciso que as ideas presentadas se poidan enmarcar nalgún dos retos plantexados para este maratón e que os proxectos estean establecidos ou se vaian a establecer nalgún dos concellos dos tres GDR convocantes.
Os proxectos que se presenten deberán executarse antes do 31 de decembro do 2023 e poderán estar xa en proceso de execución no momento de presentarse a esta convocatoria.
Toda a información está detallada nas bases de participación.
CALES SON OS RETOS?
Neste maratón queremos impulsar proxectos e ideas innovadoras, sostibles e viables que axudena impulsar o desenvolvemento económico e a calidade de vida nos nosos territorios. Poderanse presentar ideas e proxectos que encaixen nestes seis puntos:
- Turismo activo e experiencias turísticas.
- Plataformas de comercialización turística.
- Produción, transformación e comercialización agroalimentaria.
- Sector forestal.
- Sector enerxía.
- Servizos á poboación.
POR QUE INSCRIBIRSE?
- Participarás en talleres especializados que che axudarán a darlle forma á túa idea de negocio.
- Compartirás dúas xornadas con outras persoas emprendedoras.
- O teu proxecto pode gañar ata 2.500€ para darlle un primeiro impulso.
- Poderás formar parte dunha incubadora de emprendemento e acceder a 6 meses de mentoría especializada.
CANTO CUSTA?
O evento é gratuíto e inclúe a manutención das persoas participantes durante as xornadas da Revolta Rural. Se tes unha idea de emprendemento no noso territorio, anímate a participar!
COMO INSCRIBIRSE?
Podes inscribirte antes do 15 de maio ás 22 horas, na páxina web de Rural Talent, deixamos aquí ligado o formulario directo e nesta outra ligazón as bases legais.
Unha vez recibidas as solicitudes de inscrición, contactarase por correo electrónico ás persoas ou entidades seleccionadas para participar.
Desde o GDR Montes e Vales Orientais, estaremos encantad@s de axudarche coa inscrición e resolver calquera dúbida. Ponte en contacto con nós!