Foto do 'Taller de preparados menciñais naturais'

O pasado mes de agosto desenvolveuse no Instituto Vello da Fonsagrada un ‘Taller de preparados menciñais naturais’ que foi un auténtico éxito de participación. O obradoiro foi impartido por Alkimias Tres Herbas e colaborou na organización o GDR Montes e Vales Orientais buscando a meta de aprender a aproveitar os recusos do territorio.

O numeroso grupo de persoas participantes aprenderon a identificar plantas silvestres presentes na natureza da montaña e a preparar con elas remedios naturais como maceracións ou ungüentos.

As formadoras de Alkimias Tres Herbas explicaron todo o proceso que hai que levar a cabo para conseguir estes preparados menciñais naturais desde o momento inicial da recolección das plantas e como se debe levar a cabo esta, ata as receitas finais pasando pola conservación dos ingredientes e a extracción das propiedades que conteñen.

Nesta ligazón pódese descargar un amplo manual para aprender a realizar estes preparados.

Desde o GDR Montes e Vales Orientais agradecemos enormemente o traballo e compromiso das integrantes de Alkimias Tres Herbas, a asistencia de todas as persoas que nos acompañaron neste obradoiro, así como a colaboración do Concello da Fonsagrada coa cesión do espazo no que se desenvolveu o mesmo.

Recommended Posts