A pasada semana recibimos a visita dos responsables de tres Grupos de Desenvolvemento Rural (GDR) polacos cos que estamos colaborando nun proxecto europeo baseado na apicultura e que tamén inclúe ao GDR Terras de Miranda, da Mariña.
Logo de estar do martes facendo distintas actividades pola comarca mariñá, os técnicos polacos tiveron o mércores unha xornada cargada de visitas na Montaña acompañados en todo momento pola nosa xerente, Fe Álvarez. Foron recibidos en Baleira polo seu alcalde, Ángel Enrique Martínez-Puga; na sede do propio GDR Montes e Vales Orientais; e de ali dirixíronse á Pena de Nogueira, en Negueira de Muñiz, para visitar o ecomuseo de El País del Abeyeiro, onde coñeceron o xardín de polinizadores Fernando Fueyo e o souto artístico de Humboldt. Alí mesmo, realizaron unha cata de meles.
Posteriormente movéronse ata A Fonsagrada, onde puideron desfrutar dunha degustación de produtos locais na sede da Asociación de Gandeiros da Fonsagrada (Asgafon), ao tempo que recibiron un agasallo composto de distintos produtos locais. No municipio fonsagradino tamén puideron coñecer o traballo que está desenvolvendo un apicultor que se está pasando á produción ecolóxica.
Conclusións e plans de futuro
Meira foi a última parada dos técnicos dos GDR polacos e dos equipos técnicos dos GDR lugueses. Logo de seren recibidos no Concello polo alcalde meirego, Antonio de Dios, levaron a cabo unha proveitosa sesión de traballo. Na mesma tiráronse varias conclusións do que significaron estas xornadas na Mariña e na Montaña, ao tempo que tamén se trazaron plans de futuro, xa que a cooperación entre os cincos GDR seguirá nos próximos meses. A xornada completouse pola tarde cunha visita guiada a Meira.
Feira do Mel da Montaña
Esta actividade cos GDR polacos e o das Terras de Miranda está encadrada dentro da Feira do Mel da Montaña, que chega á súa sexta edición este ano e cuxos días centrais se celebrarán en Baleira os vindeiros venres 20 e sábado 21 de outubro. O programa do venres arrincará cunha xornada técnica, a partir das 16 horas, na que os asistentes aprenderán a catar e a conservar o mel. Tamén haberá un obradoiro de conservas con mel. Máis tarde, desde as 20 horas, terá lugar un magosto popular con castañas, outras larpeiradas e música.
O sábado 21 é o día onde se desenvolve a feira, que se abrirá ás 10 da mañá e contará con múltiples actividades e cos postos de venda e exposición dos apicultores da montaña. Ás 11 levarase a cabo unha cata, ás 12 do mediodía será a quenda para as músicas do ciclo do ano e ás 13 horas haberá unha degustación da cociña de Ancares-Terras de Burón. Pecharase a feira coa entrega de premios do II Concurso de Mel de Montaña, o sorteo do Pasaporte Gastronómico Ancares – Terras de Burón e música popular.
Aberto o prazo para ser expositores
Aqueles produtores e produtoras de mel ou produtos artesanais e gastronómicos interesados en participar na sexta Feira do Mel da Montaña poden anotarse aínda chamando aos teléfonos 982.35.52.90 ou 659.27.57.43.
Andaina de interpretación ambiental
O programa desta sexta edición da Feira do Mel de Montaña pecharase a tarde do sábado 21, a partir das 16 horas, cunha andaina de interpretación ambiental pola fraga da Marronda. Os participantes farán unha ruta circular duns seis ou sete quilómetros por un espazo dunha beleza espectacular e no que coñecerán a súa flora.